Galicia cumpriu o obxectivo de déficit público fixado para o ano 2015

Confirmou hoxe o Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas que Galicia cumpriu o obxectivo de déficit público fixado para o ano 2015 e foi a segunda comunidade autónoma con mellor resultado

Deste xeito, Galicia é –xunto a Canarias e País Vasco- unha das tres comunidades autónomas que cumpriu o obxectivo, o que reafirma que Galicia segue a achegar solvencia e credibilidade ao conxunto de España, consolidándose como unha comunidade de referencia no control de déficit e débeda.
Segundo os datos do Ministerio de Hacienda, Galicia rexistrou un déficit público do 0,57% no ano 2015, cumprindo así o obxectivo do 0,7% fixado polo Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF) para todas as comunidades autónomas. O déficit do conxunto das autonomías situouse no 1,66%, case o triple que o galego.
Un ano máis, Galicia volve situarse entre as comunidades cumpridoras co obxectivo de estabilidade orzamentaria. O obxectivo do Goberno galego para este 2016 é cumprir tamén o límite do 0,3% fixado para o conxunto das comunidades autónomas.
Ademais, Galicia está a compatibilizar a redución do seu déficit público e o control do endebedamento coa volta ao crecemento económico. De feito, o PIB de Galicia acadou en 2015 un incremento do 3,2% sobre o ano anterior, o que supón o mellor resultado dende o ano 2007, segundo indicou onte o Instituto Nacional de Estadística (INE).
Máis gasto social e investimentos


A Xunta logrou este obxectivo incrementando os ingresos non financeiros, que en termos orzamentarios medraron máis dun 7% pola mellor evolución económica. Ao mesmo tempo, Galicia reduciu os xuros da débeda en máis de 50 millóns, o que permitiu reforzar o gasto social -por exemplo, con 77 millóns máis para tratar a Hepatite C- e reforzar os investimentos.


O traballo realizado pola Comunidade Autónoma de Galicia demostra que si é posible cumprir co déficit público. Por iso Galicia volve estar entre as comunidades cumpridoras, e por iso neste 2016 volverá cumprir o obxectivo, cunha senda de redución progresiva e non abrupta do déficit público.

Ademais, Galicia mantén controlada tamén o seu endebedamento, xa que ten 5,6 puntos menos de ratio débeda/PIB que a media das CCAA. De feito, é a comunidade autónoma na que medrou menos a débeda na actual lexislatura, e mentres en 2008 era a cuarta con máis endebedamento, agora é a sétima con menos. 

Está é unha nova excelente. 

Parabens ao Presidente Feijóo, ao conselleiro de Facenda e a todos os equipos que traballan na Xunta de Galicia

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.