Da actualidade política desta mañá, resalto as intervencións do presidente
da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Pleno do Parlamento de Galicia en
resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, onde destacou que a nosa é hoxe unha das comunidades máis
solventes: con mellores datos económicos, máis educación pública e con máis
servizos públicos, coa atención de 1.100 dependentes máis a partir do mes de
abril.
“Mantemos un Goberno solvente e estamos
intentando sacar Galicia da dobre recesión económica que padecemos durante
estes anos”, aseverou.
Deste xeito, e nun primeiro termo, Feijóo salientou que Galicia
ten mellores datos económicos que a maioría das comunidades, reflectidos nun
incremento do PIB, no récord de exportacións e no récord do índice de produción
industrial; “e onde había paro e baixas de afiliación á Seguridade Social,
agora hai emprego -23.000 parados menos- e se incrementaron as altas”, engadiu.
No tocante aos servizos públicos, o titular do Goberno galego
aseverou que este ano 2016, o 70% dos galegos terán na súa área sanitaria un
hospital novo ou un hospital reformado. E, no eido da dependencia avanzou que a
partir do mes de abril atenderanse a 1.100 dependentes máis, lembrando así
mesmo que se en 2009 a ratio de atención era do 30%, actualmente é do 64%.
“E temos tamén máis educación pública, con menos abandono
escolar, con máis prazas de comedores escolares e máis prazas de formación
profesional e, hoxe, os universitarios galegos son os que menos taxas pagan de
España”, abundou.
Durante a súa intervención, Feijóo referiuse tamén ao problema
demográfico, “o primeiro problema estrutural de Galicia”, dixo, incidindo no
problema do envellecemento da poboación.
Sobre este punto, destacou que Galicia é unha das comunidades
autónomas cunha das políticas máis beneficiosas para a dedución por fillos e
cun 68% máis de prazas públicas de garderías que ao inicio da crise económica.
Feijóo concluíu a súa intervención facendo fincapé en que
Galicia é a terceira comunidade autónoma que menos renda perdeu en converxencia
coa UE. Neste sentido, abundou en que Galicia tivo un comportamento mellor en
termos globais que a media do PIB español. “A nosa Comunidade perdeu nove
puntos de converxencia coa EU no contexto da recesión económica fronte aos 11
puntos que perdeu España, dous puntos máis”, explicou.
O presidente da Xunta aseverou que no ano 2015 Galicia está
volvendo a converxer con Europa e asegurou que a nosa é unha das rexións
europeas nas que máis creceu a economía.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta