viernes, 5 de febrero de 2016

Galicia e Madrid máis cerca cos novos servizos ferroviarios

Na entrada do pasado luns 1 de febreiro daba conta neste blog do comezo dunha nova era nas relacións ferroviarias entre Galicia e Madrid e moi especialmente entre Ourense e a capital de España, polo incremento da oferta de Renfe de tres trens diúrnos e un  nocturno á sete trens diúrnos e un nocturno.

Pois ben, onte xoves, fixen uso por primeira vez do novo tren matinal Alvia, que  saíu de Santiago de Compostela ás 5,15 horas e chegou á estación de Ourense-Empalme ás 5,53 horas.

Aproximadamente trinta pasaxeiros subimos a este tren e comezamos a nosa viaxe da madrugada saíndo ás 5,55 en dirección a Madrid, tras cruzar polo viaduto o noso río Miño.

Compartín a viaxe o meu compañeiro deputado Miguel Viso, pois ambos tiñamos que atender unha convocatoria do noso Grupo Parlamentario prevista para as doce da mañá no Congreso.

Ás  moderadas velocidades que están permitidas nese tramo de vía fomos avanzando ata chegar ás 6,59 á estación da Gudiña, para tras unha breve parada continuar a viaxe por terras montañosas e túneles  ata  Puebla de Sanabria, onde chegamos sobre as 7,45 horas.

Faltaban poucos minutos para as nove da mañá cando chegamos á remozada estación de Zamora, onde se subiu ao tren un grupo de viaxeiros que puido roldar a trintena, saíndo o tren poucos minutos despois.

É á saída desta capital cando cambia o ancho de vía pasando do ibérico ao internacional, o que se materializa co cambiador de ancho.

Detivémonos logo uns minutos para deixar pasar un tren que viña en dirección contraria e renovamos a marcha polo novo tramo de alta velocidade entre Olmedo e Zamora, que permite circular a velocidades de 200 km/hora.

Ao pouco tempo chegamos á localidade vallisoletana de Medina del Campo, onde puiden ver as obras que se realizan para a construción da futura estación de alta velocidade.

E pouco despois enlazamos xa coa liña de alta velocidade Madrid-Valladolid, que permite velocidades ata 250 km/hora e que permite tras pasar o moi longo túnel de Guadarrama (28 km) e os túneles de San Pedro, chegar a Madrid ao redor das 10,35 horas, é dicir cun pequeno atraso sobre a hora prevista.

Unha vez en Chamartín eliximos como medio de transporte ata o centro da capital o tren de proximidade que tomamos noutra plataforma e que nos deixou na estación de Recoletos, sobre as 11,00 da mañá. 

E de aí un breve paseo a pé ata a Carreira de San Jerónimo chegando ao Congreso ao redor das 11,10 horas.

Puidemos asistir á reunión con normalidade e despois de facer unha serie de xestións en Madrid, tomamos outra vez de volta o Alvia na mesma estación ás 16,25 horas para chegar ás 20,50 a Ourense. Nesta ocasión tratábase de ir e volver o mesmo día.

As miñas impresións son moi positivas no que respecta ao tempo de viaxe, o custe e á comodidade do tren. Puiden ir lendo a prensa, falando por teléfono, utilizando a tableta electrónica, conversando tranquilamente, gozando da paisaxe, estirando as pernas e tomando un café. Todo iso coa certeza de que non habería incidencias que impedisen atender as ocupacións que me levaron a Madrid.

É incuestionable que se esta mesma viaxe a fixera no meu vehículo particular houbese tardado probablemente máis tempo, esixiríame conducir e por tanto suporía cansazo e a tensión de estar ao volante. E por suposto o competitivo prezo do tren, resulta máis económico que o automóbil.

Estou convencido de que este madrugador tren matinal, así como o conxunto dos servizos ferroviarios farán crecer de maneira moi apreciable o número de viaxeiros entre Madrid e Galiciae. 

Eu, previsiblemente vou viaxar moito maís en tren. e fago a mesma recomendación aos lectores deste blog.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta