viernes, 29 de enero de 2016

Aprobado o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020

Saliento nesta entrada a aprobación o pasado xoves no Consello da Xunta  do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, que a xuizo do presidente Alberto Núñez Feijóo axudará a consolidar a recuperación económica e a intensificar a creación de emprego a curto e medio prazo.

Segundo dixo, o texto, que será agora remitido ao Parlamento, é un instrumento de planificación que aposta por un modelo de crecemento baseado na innovación e no capital humano.

Feijóo concretou que se trata dun documento que conta con dez obxectivos entre os que destacan: consolidar un crecemento económico sostido, con avances anuais do PIB por riba do 2,5%; aumentar en 100.000 o número de empregos ata 2020 e reducir a taxa de paro ata o 10%; diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro un 35% e aumentar o uso das renovables; seguir reducindo a poboación en risco de pobreza para que Galicia siga estando mellor que a media; e gañar oito puntos de converxencia coa Unión Europea en PIB per cápita.
Son, dixo, obxectivos moi claros, ao igual que as súas prioridades que pasan por blindar o gasto social en educación e no eido sanitario, por non subir impostos, por seguir reducindo o endebedamento da Comunidade e por manter a súa solvencia e estabilidade.
Feijóo resaltou que este plan é froito dun amplo proceso de participación, que se conseguiu co envío do texto a medio millar de entidades e coa posta en marcha dunha web específica. Tamén, coa celebración de tres foros sectoriais nos que participaron máis de 200 expertos, e coa formación dun comité asesor de primeiro nivel con especialistas en todos os ámbitos.

O titular da Xunta considerou, ademais, que este plan cobra máis importancia se se teñen en conta os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa do cuarto trimestre, que reflicte que Galicia pechou 2015 con 41.100 parados menos, con 32.100 ocupados máis, con máis emprego en todos os sectores e cun aumento do emprego a tempo completo do 4,8%.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta