lunes, 28 de septiembre de 2015

Baltar reivindica "un gran pacto político demográfico"

Asisto esta mañá en Santiago o almorzo-coloquio do "Fórum Europa Tribuna Galicia".

O protagonista foi Manuel Baltar , presidente da Deputación de Ourense que foi presentado pola presidenta do Consello Económico e Social, Corina Porro.

Baltar reivindicou "un gran pacto político demográfico" ante o problema da crise demográfica, "que leva aparellada unha consecuencia clara: a perda de peso específico dun territorio". "Trátase –dixo- dunha grave ameaza que esixe un gran pacto político con medidas urxentes a todos os niveis territoriais. Aprobar unha folla de ruta común inatacable, sen terreo para a demagoxia, sen frivolidade política, sen utilización partidista. Con actuacións que equilibren o territorio, que non abran máis fendas e que reduzan as existentes".

Asemade, destacou a transparencia como "liña estratéxica institucional" e dixo que o Plan Ourense 15-19 –o documento que marca a senda do goberno provincial ourensán neste período- "inclúe a posta en marcha da primeira Plataforma Provincial de Participación Cidadá de España"

Baltar tivo tamén un recoñecemento para concelleiras e concelleiros, alcaldes e alcaldesas, "eses que saben que ser alcalde é bastante máis que reducilo déficit ou o prazo de pago medio a provedores. 

Afirmou que a provincia "non é só unha circunscrición electoral" e dixo que "visión" e "cooperación" son palabras clave para facer provincia. "Para min a máis importante é "visión".

Expresou a súa convicción de que estamos no momento "de abordar a reforma do sistema de financiamento de comunidades autónomas e entes locais. Unha abordaxe que debe practicarse de xeito simultáneo: subsistema autonómico e subsistema local. Ao mesmo tempo para que non haxa preponderancia de un sobre o outro e para deseñalo tendo en conta unha perspectiva de conxunto, ideal para a acción política duradeira. 

Referíndose á transparencia, Manuel Baltar destacou que se trata "dunha actitude, unha liña estratéxica institucional que habita nun piar inexcusable na democracia, tal e como a entendemos hoxe en día", e engadiu que na democracia actual, seguindo o pensamento de Jurgen Habermas, "temos que escribir con maiúsculas verbas como SOCIEDADE, DIÁLOGO, ÉTICA, PARTICIPACIÓN, DELIBERACIÓN e INCLUSIÓN. 

Manuel Baltar defende a innovación e o coñecemento como verdadeiras ferramentas de progreso, e neste sentido dixo que Ourense "é unha provincia, unha deputación, que segue con interese modelos de desenvolvemento territorial e de xestión pública como os casos de Tilburg nos Países Baixos ou Curitiba no Brasil, e moi de cerca apostas polo emprendemento como a gañadora de Israel. 

Finalmente, en clave galeguista, Manuel Baltar referiuse á necesidade de "reconquistar Galicia para si mesma, coa sensatez e a firmeza intelectual do pensamento e da acción dun galeguista exemplar, Carlos Casares, quen non dubidou en asumir responsabilidades políticas, cando foi necesario, para axudar a construír o país soñado, a nación das palabras".

Neste senso, expresou que a nosa sociedade, a galega, "é aberta ás transformacións e respectuosa coa tradición. A Galicia aldea e a Galicia cidadán, a base rural, a base mariñeira e o pulo urbano. A Galicia do pan e do viño, a dos rebuldeiros areais da beiramar e a do grave silencio da montaña, "acabada simbolización das fontes vitais deste noso país", en acertada definición de Otero Pedrayo".

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta