Asinado entre a Xunta e Abanca un acordo para loitar contra os desafiuzamentos

Celebro a excelente nova da sinatura na mañá de hoxe dun convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) representado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez  e Abanca representada polo seu conselleiro delegado Francisco Botas.

Nun acto presidido Alberto Núñez Feijóo, que foi acompañado  polo vicepresidente de Abanca, Juan Carlos Escotet.

O acordo firmado coa primeira entidade financeira de Galicia significa unha dupla garantía. Por unha banda, asegura que as familias afectadas por execucións hipotecarias dependentes de Abanca non terán que abandonar a súa vivenda e poderán seguila habitando cun alugueiro social que nunca pasará dos 75 euros, en función da súa situación, e para o que poderán contar ademais co apoio financeiro do IGVS.
Como segunda garantía, o convenio plasma o compromiso deste banco de cederlle á Xunta 100 vivendas baleiras para poñer á disposición das familias en situación de vulnerabilidade, como aquelas persoas xa desafiuzadas ou outros colectivos con dificultades. Os adxudicatarios destes inmobles nunca pagarán máis de 125 euros ao mes. Estas vivendas súmanse ás 50 que xa cedera no seu día a Sareb.
Este convenio insírese na folla de ruta do Plan social de loita contra a desigualdade económica, unha de cuxas prioridades é garantir o dereito á vivenda. A Xunta loita así contra os desafiuzamentos actuando na prevención, evitando unha parte importante deles “antes de que se produzan”, algo no que incidiu o presidente da Xunta.
Na sua intervención Feijoo afirmou que a política de vivenda, ven sendo “unha prioridade estratéxica” na acción de Goberno. “Así, a pesar das severas restricións orzamentarias, destinamos máis de 275 millóns de euros a esta materia”, segundo resaltou Feijóo, co obxectivo de garantir para todos os cidadáns “un dereito básico como é o da vivenda”.

Malia existir aínda, por desgraza, “problemas puntuais a evitar”, o “razoable éxito” da política de vivenda da Xunta contribuíu a que Galicia se sitúe “entre as comunidades que menos desafiuzamentos rexistran”, tal e como recordou o presidente da Xunta.

Isto logrouse con medidas como o programa Reconduce —que asesora e media antes do desafiuzamento para intentar evitalo—, un plan de realoxos de persoas desafiuzadas que conseguiu que se atendesen o 100% das solicitudes que cumpren os requisitos e a posta en marcha dos mecanismos necesarios para que as familias en emerxencia social poidan ser adxudicatarias directas dunha vivenda nun prazo máximo de dous meses.
Feijóo avanzou que no “camiño ambicioso” que empeza con este convenio “xa hai novas etapas previstas”. Unha delas será a creación do Censo de Vivendas Baleiras, no que xa se está traballando. O obxectivo é “que aquelas familias en situación de dificultades manteñan unha vivenda digna”.

En definitiva, o acordo asinado hoxe con Abanca para loitar contra os desafiuzamentos beneficiará “aqueles sectores da poboación que viven aínda forzosamente afastados dos efectos da recuperación económica”. “Cremos que eles deben ser os destinatarios primeiros do osíxeno que o inicio da bonanza insufla nas administracións públicas”, concluíu o presidente.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.