Jesus Vázquez é o novo alcalde de Ourense


Hoxe tivo lugar, ao igual que en miles de concellos españois, a sesión constitutiva da nova Corporación municipal de Ourense, na que os catro grupos con representación no Pleno se votaron a si mesmos, e ante a ausencia dunha maioría absoluta, foi proclamado alcalde, o cabeza da lista máis votada tendo o apoio de dez edís, Jesús Vázquez Abad.

Logo foi o turno do seu discurso de investidura,que reproduzo: 

" Señoras e señores concelleiros e dende agora compañeiros de corporación, convidados, medios de comunicación…

As miñas primeiras palabras teñen que ser de gratitude, de inmensa gratitude por poder asumir o reto e a gran responsabilidade de ser o alcalde de tódolos veciños e veciñas de Ourense. Gratitude, en primeiro lugar, aos que votaron o día 24 de maio a candidatura que encabecei, gratitude tamén aos meus compañeiros de Corporación que hoxe me reiteraron ese apoio e gratitude a todos os que confían na miña persoa para liderar a construción dun Ourense renovado.

E este Ourense renovado que estou seguro que todos queremos, acaba de expresarse nas urnas: dixéronnos os cidadáns que o temos que facer xuntos, que o temos que facer entre todos. Esa foi a súa vontade e ese é o reto que dende hoxe nos poñen por diante a todos nós e a min en primeiro lugar.

Asegúrolles que a miña vontade, como non podía ser doutro xeito, é ser alcalde de tódolos veciños e veciñas de Ourense, dos que nos votaron e dos que non nos votaron, dos que votaron o día 24 de maio e dos que decidiron, polas razóns que fosen,  non acudir ás urnas.

Eu quero ser o alcalde de todos e para eso teño claro que a nosa política será –e xa o anunciamos antes das eleccións- unha política de man tendida, unha política de diálogo e transparencia, unha política centrada no interese común, unha política centrada no beneficio colectivo, unha política centrada no diálogo e nos máximos consensos posibles, unha política comprometida, desde logo, coa transparencia e a concordia.

Son tempos novos e temos que entender que hai novas maneiras de facer política. Temos que entendelo tanto desde a responsabilidade do goberno, como desde a responsabilidade da oposición. O goberno é tarefa miña, man tendida e firme. A oposición, gustaríame firme, como debe ser, pero tamén corresponsable nos grandes retos que ten a cidade. Seguro que haberá puntos de encontro. Debemos buscalos, para mellor servizo dos cidadáns e do presente e futuro de Ourense.

Non vou a enunciar cada un dos asuntos que nos van ocupar estes vindeiros catro anos, pero está claro que hai eixos estratéxicos onde temos que actuar con especial dilixencia.

Falo do ordenamento urbano, do remate das comunicacións ferroviarias, da conclusión de infraestructuras culturais pendentes, do aproveitamento termal,de desenvolver o noso potencial turistico, do comercio –que tanta importancia ten na nosa estructura económica e social- da fixación da nosa xuventude -o futuro- á cidade, e tamén da atención e coidado dos nosos maiores. A nosa política, a política do Concello, debe ter unha gran sensibilidade social, porque aínda que hai indicadores que apuntan a que estamos saíndo da crise, o certo é que esa recuperación aínda tardará en percibirse nidiamente polos cidadáns. Debemos de axudar a mitigar na medida do posible esa situación.

O eixo social terá pois, un peso notable no goberno que dende hoxe presido. Porque os gobernantes non debemos esquecer que gobernamos para as persoas, pois as cidades son suma de historias de onte, e persoas de hoxe. E entre estas persoas, moitas, por varias causas, precisan unha atención e axuda directa e próxima.

Esa proximidade aos cidadáns e ise compromiso social cos máis débiles serán dous sinais de identidade do meu goberno. Buscaremos traballar coas portas abertas á cidadanía, falando e escoitando aos nosos cidadáns, do rural e do urbano, dunha banda e outra do Miño, do centro e dos barrios, porque a todos eles nos debemos.

Como administración pública, naturalmente, temos a obriga ineludible de mellorar os nosos servizos aos cidadáns. Esa é a nosa primeira responsabilidade, e no funcionamento deses servizos medirase a eficiencia dun goberno.

Eu confío plenamente na capacidade dos traballadores desta Casa, confío no seu compromiso coa institución na que traballan e coa cidade na que viven. Estou seguro que coa súa entrega e implicación renovadas e co noso respecto ao seu traballo, conseguiremos achegar entre todos ideas e medidas que fagan máis eficaz e satisfactoria a tarefa común de contribuír ao benestar de Ourense.

Empezamos hoxe catro anos de retos. Non son pequenos os problemas que nos agardan. Tampouco son pequenas as forzas e a vontade coa que pretendemos afrontalos. Eso sí, a nosa mirada está posta no futuro con forza, vontade e ilusión. Vimos aquí a construir ese futuro, e non a mirar cara a atrás.

O pasado non nos corresponde, é só o prólogo de hoxe. O noso único reto é o de construir un futuro no que haxa lugar para os soños, para a ilusión por un mundo mellor, que no noso caso, é Ourense. Se mo permiten, emularei a Celso Emilio Ferreiro. Así, eu digo, queremos vivir e mellorar este lugar “Onde o mundo se chama Ourense”.

Si. Aquí o mundo chámase Ourense, e a historia chámase Hoxe.  E aquí estamos 27 servidores públicos elixidos hai uns días, con ideas, procedencias e visións diversas, pero todos ilusionados cunha andaina nova en pro da cidade. Fagámola xuntos.

Fagamos xuntos ese camiño que está por facer, pero sempre diante nosa. Nós, todos nós, somos os que decidimos os pasos que queremos dar, o xeito en que os damos,  e a dirección na que queremos ir.

Non quixera deixar de facer, neste acto solemne e protocolario, unha referencia de agradecemento á Corporación saínte. Foi unha etapa difícil a que lles tocou vivir e agradezo o seu traballo a prol desta cidade ao tempo que lles reitero o meu respecto institucional.

Para concluír, lembremos que Ourense sempre foi, desde a súa orixe,  un lugar de encontro. Naceu ao pé da Burga, ao redor do encontro nas Augas Quentes, -como o poeta José Ángel Valente lle chamou á cidade-, naceu ao redor do encontro dos ríos, naceu no cruce das vías de comunicación de entrada a Galicia, naceu do encontro dos que viñan en distintas épocas e dos que xa estaban aquí. Ourense, lugar de encontro de homes e mulleres namoradas dunha cidade amable, agradable e bimilenaria da que todos estamos orgullosos e á que non podemos defraudar.

O futuro está por escribir. Ogallá sexa o mellor para todos.

Permítanme que remate cos versos finais dunha composición de Otero Pedrayo, para as festas de Ourense de 1932, de hai 83 anos.

Ourense, ouro. Corazón.
Esperanza, bondade, tesouro"

Finalizado o acto tiven a oportunidade, xa no despacho da alcaldía, de felicitalo e desexarche todo o mellor á fronte do goberno desta gran cidade de Ourense.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.