Unha nova Lei de Emprego Público que permitirá ter administracións máis eficientes

Destaco hoxe da actividade política en Galicia a comparecencia do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que no Parlamento de Galicia resaltou que a nova Lei do Emprego Público permitirá ter unhas administracións máis eficientes co obxectivo de prestar un mellor servizo aos cidadáns, e destacou que Galicia será a terceira comunidade autónoma que adapta toda a súa normativa sobre función pública á normativa básica do Estado.

O titular de Facenda presentou o proxecto de Lei do Emprego Público, que incorporou ao borrador inicial máis de 150 alegacións presentadas polos representantes dos traballadores, as universidades e outros 30 colectivos. “O texto foi obxecto dun intenso proceso de negociación”, recordou Valeriano Martínez, quen avanzou que no futuro avanzarase nese proceso de diálogo para o desenvolvemento e aplicación directa da lei.
Entre as novidades do texto, o conselleiro destacou que esta lei instaura na Administración galega unha cultura da avaliación. Así, a avaliación do desempeño vai permitir medir e valorar o rendemento e o esforzo dos empregados públicos. Este sistema será aplicado por órganos especializados dotados de autonomía funcional que traballarán sempre baixo criterios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación.
Ademais, implantarase tamén a carreira profesional do persoal funcionario, coa finalidade de permitir a súa progresión profesional sen necesidade de cambiar de posto de traballo. “A carreira horizontal fornecerá aos funcionarios dun sistema motivador”, indicou Valeriano Martínez, posto que se terán en conta experiencia, formación, méritos e coñecementos.
Dixo que a través desta Lei do Emprego Público o persoal da Xunta de Galicia recuperará os niveis salariais nun período máximo de tres anos, mediante un fondo retributivo incluído na propia normativa. Neste 2015, a Administración galega destinará 51 millóns de euros para aboar a todos os seu empregados o 25% da paga extraordinaria suprimida polo Goberno en 2012.

Galicia será a primeira comunidade que suprime por lei o plus para ex altos cargos, tal como establece a normativa presentada hoxe no Parlamento. O conselleiro lembrou que este complemento retributivo xa estaba suspendido e que, con esta lei, “non o imos devolver e ademais vaise suprimir”.

Outra das novidades que inclúe a nova Lei do Emprego Público é o cambio na provisión das xefaturas de servizo. Estes postos —máis de 500 na Administración galega— pasarán a proverse por medio dun concurso específico con convocatoria pública.
Ademais, a normativa tamén establece os procesos de funcionarización do persoal laboral fixo, o que permitirá gañar en polivalencia. Así, dotarase dun único réxime legal a determinados colectivos de empregados de servizos como as oficinas de emprego ou os servizos sociais.

En canto ao persoal directivo profesional, a nova normativa establece que será seleccionado ordinariamente entre funcionarios de carreira e persoal laboral fixo ao servizo das administracións públicas, e a súa selección basearase nos principios de mérito, capacidade e idoneidade. Este persoal tamén será avaliado conforme aos criterios de eficacia e eficiencia, e estará suxeito a responsabilidade pola súa xestión e ao control de resultados.

Na súa intervención, o conselleiro de Facenda resaltou que a nova lei dotará “dun marco único, estable e flexible” as administración galegas, e explicou que se trata dunha normativa “para os cidadáns, para toda Galicia, para a mellora dos servizos públicos e socialmente responsable”.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.