Na proba de carga do Viaduto do Ulla do Eixo Atlántico

Asistín esta tarde a un acto presidido pola ministra de Fomento, Ana Pastor, consistente na proba de carga do Viaduto do Ulla, que constitúe a actuación de maior importancia do Eixo Atlántico de Alta Velocidade Ferroviaria.

Segundo informa o Ministerio trátase dunha infraestrutura representativa pola súa complexidade técnica e pola súa singularidade.

 Cos seus 240 metros de lonxitude máxima entre pilas, constitúe un récord mundial de luz (anchura entre pilas) neste tipo de pontes.


O Viaduto do Ulla será un símbolo das comunicacións en Galicia, ao servir de nexo de unión entre o norte e o sur desta comunidade e a porta de entrada ferroviaria a través de Portugal.


O investimento total no viaduto alcanza os 117,5 millóns de euros.


O tramo do Viaduto do Ulla é o segundo dos catro en que se divide a variante de 26,7 quilómetros considerada entre Vilagarcía de Arousa e Padrón. Ten unha lonxitude de 1.690 metros, dos que a práctica totalidade (96%), 1.620 metros, corresponden ao viaduto en si.


Na execución desta infraestrutura tívose en conta a protección do medio e a integración no ámbito.


O Viaduto do Ulla forma parte do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, unha actuación que, ao longo dos seus 241 quilómetros, proporcionará unha maior e mellor mobilidade e dinamizará a economía.

Durante a súa intervención, a ministra de Fomento destacou que os traballos de construción avanzan a bo ritmo. Neste sentido, os tramos Padrón-Vilagarcía, no que se encontra o viaduto do Ulla, e Arcade-Vigo Urzáiz teñen a plataforma finalizada e se encontran en fase moi avanzada de instalación da superestrutura (montaxe de vía, electrificación e instalacións de seguridade, sinalización, control do tráfico e comunicacións).


A conclusión destes traballos permitirá poñer en servizo este ano o traxecto entre Santiago de Compostela e Vigo (93,9 km), que quedará conectado así mesmo ao traxecto A Coruña-Santiago (61,7 km), xa en servizo. Deste modo, todo o Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña quedará completado, o que reverterá en importantes aforros nos tempos de viaxe en todas as relacións.

En termos de investimento, a aposta do Ministerio de Fomento reflíctese nos 837,8 millóns de euros destinados a esta infraestrutura nesta lexislatura.

Grazas á súa construción, poderase viaxar entre Vigo e A Coruña nunha hora e dez minutos, e entre Santiago e Vigo en ao redor de 45 minutos.

Cando estas comunicacións entren en servizo neste ano, a nosa Galicia dará un paso de xigante no obxectivo de converterse nunha "cidade única". De facto a alta velocidade actuará como un servizo de proximidades ao aproximar poboacións distantes entre si no mesmo tempo que se tarda en chegar dende as periferias ao centro urbano.



Esta política de infraestruturas de vías de altas prestacións ademais de fomentar unha mobilidade sostible é unha auténtica "política social", xa que significa poñer máis preto os hospitais, as escolas, as universidades, as residencias, etc, de modo que calquera punto de Galicia sexa máis accesible.

E tamén é unha política ambiental pois conxuga o desenvolvemento compatible coa sostibilidade e sacará a moitos vehículos contaminantes da estrada.


Sen dúbida estas novas infraestruturas ferroviarias van achegar a un maior número de viaxeiros ao tren e se os servizos son competitivos en horarios e prezos, e ademais se apostan pola intermodadlidade, fidelizarán a moitos usuarios e captarán viaxeiros novos.








Con la tecnología de Blogger.