Unha estación economicamente viable e adaptada ás necesidades de Ourense cun criterio de intermodalidade e de consenso entre as distintas administracións implicadas

Hoxe na edición local de "La Voz de Galicia" o periodista Rubén Nóvoa publica un traballo xornalístico relacionado coa noticia de onte de que o tramo entre Taboadela e Seixalbo necesita dun informe de impacto ambiental máis detallado, e que volve poñer sobre a mesa dous debates recorrentes dende que está anunciada a chegada desta infraestrutura á capital ourensana.

Refírese en primeiro lugar á cuestión que ten que ver co impacto desta nova tramitación ambiental sobre o prazo de 2018, xa que este trámite pode prolongarse entre seis meses e un ano, segundo os expertos consultados por este xornal.

Ao respecto recolle as palabras do alcalde de Ourense, Agustín Fernández, que considera que o prazo de 2018 non se vai cumprir.


A este respecto recolle a miña valoración, que foi a de manter a "calma" sobre os prazos da AVE malia a nova tramitación necesaria. «ADIF o que manifestou é que é posible emendarse en tempo e iso é o que esperamos».

Tamén alude en segundo lugar á cuestión da estación de alta velocidade de Ourense. Recolle manifestacións do alcalde que di que manterá a súa presión sobre o goberno central para que se desenvolva o proxecto de Norman Foster, xa que considera que se converterá nun fito arquitectónico para a cidade.

E tamén recolle o diario "La Voz de Galicia" as miñas declaracións ao respecto no sentido de que o esforzo investidor debe centrarse en concluír a liña que conecta a Ourense con Madrid: «O máis importante é a vía coa Meseta. Os esforzos presupostarios hai que dirixilos nese sentido. Ese é o esforzo que debemos que facer e é o razoable». Nese sentido, precisei que Ourense xa está a recibir os beneficios dunha mellor conexión ferroviaria con Madrid: «Neste primeiro semestre a alta velocidade vai chegar a Zamora e iso significa unha viaxe de 30 minutos menos. Estaremos, polo tanto, en Madrid nun tempo inferior que se imos en coche. Iso parecía un sono e xa vai ser unha realidade».

Sobre a estación e as demandas do Concello de Ourense, a reportaxe xornalística cita as miñas declaracións: «É un tema que debemos abordar, pero hai tempo abondo. Ten que ser unha estación economicamente viable e adaptada ás necesidades de Ourense cun criterio de intermodalidade e de consenso entre as distintas administracións implicadas».




Con la tecnología de Blogger.