domingo, 28 de diciembre de 2014

A Xunta autoriza un complemento extraordinario de 206 euros para os ao redor de 43.000 persoas do colectivo en risco de exclusión

Quero salientar que o pasado venres o Consello da Xunta autorizou o proxecto de decreto que establece o complemento extraordinario de 206 euros para os ao redor de 43.000 perceptores de Pensións Non Contributivas da Seguridade Social (PNCS); do Fondo de Asistencia Social (FAS) e do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimos (SGIM). En total, o Goberno galego investirá preto de 9 millóns de euros nestas axudas.

Esta axuda –que se aboará nun pagamento único en xaneiro- beneficiará, polo tanto, a pensionistas de xubilación e invalidez, na súa modalidade non contributiva; a persoas anciáns e enfermas con incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas periódicas individualizadas; e ás persoas que presentan unha minusvalía e que son beneficiarias do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimos.

Ademais de Galicia, só outras tres comunidades autónomas manteñen un complemento destinado a este colectivo: Andalucía, Cataluña e Estremadura. Galicia é unha das rexións que aboa a contía máis elevada aos beneficiarios.

Para optar a estas axudas non é necesario que os beneficiarios presenten ningún tipo de solicitude nin facer ningún trámite adicional, xa que directamente percibirán o complemento extraordinario os que xa estean cobrando as pensións mencionadas. En concreto, actualmente hai en Galicia 42.710 perceptores de PNC; 10 beneficiarios de FAS e 450 beneficiarios do SGIM.

Deberán cumprir dous requisitos: ter a residencia habitual en Galicia e estar en situación de alta en nómina, é dicir, ser xa pensionista na data 1 de xaneiro de 2014 e permanecer nesta situación na data de entrada en vigor do decreto (o mesmo día da súa publicación no DOG) que vén de autorizar hoxe a Xunta.

O pagamento realizarase de oficio a todas as persoas beneficiarias que reúnan estes requisitos, para o que se recorrerá á información contida na base de datos da Xunta de Galicia. O pagamento efectivo farase a través dunha transferencia bancaria na conta corrente onde as persoas beneficiarias teñan domiciliado o recibo ordinario da súa prestación.

Esta iniciativa inscríbese na decidida aposta do Goberno da Xunta por apoiar ao colectivo en risco de exclusión, unha aposta que se reflicte tamén nos orzamentos para 2015, que inclúen a mesma partida que se aprobou hoxe.

En global, os orzamentos destinados á inclusión aumentarán nun 17,7 por cento o próximo ano, ata acadar os 70 millóns. Dentro desta partida, cabe destacar o investimento destinado á RISGA, que contará con 47,7 millóns de euros, un 20% máis que o orzamento inicio deste ano.

A inclusión laboral é outra das principais liñas de actuación con este colectivo. Por iso, o próximo ano a orde de contratación de perceptores da RISGA, que se convocou por primeira vez este ano, duplicará o seu orzamento o próximo ano, de 5 a 10 millóns de euros.