Asisto esta mañá a
unha reunión da Comisión de Economía e Cometitividade na que compareceu o
gobernador do Banco de España Luis María Linde de Castro.
Informou sobre a organización e funcións do Banco de España tras a entrada en
vigor o pasado 4 de novembro do Mecanismo único de supervisión.
Explicou que o equipo do Banco de España representa o 5,6% do equipo total do
eurosistema. E que se atendemos á relación entre o noso peso no equipo total do
eurosistema, que é o 5,6%, e o noso peso no capital do Banco Central Europeo,
que é o 11,8%, o Banco de España ocupa o primeiro lugar entre os bancos
centrais da zona euro, é dicir, a relación entre esas dúas proporcións é a
menor de todo o eurosistema. E o mesmo acontece se a comparación se fai non coa
clave da participación no capital do BCE, senón co tamaño dos balances dos
bancos centrais da zona euro.
Engadiu que, pode afirmarse a partir destes datos que o Banco de España obtén
unha boa nota, comparativamente falando, dende o punto de vista da eficiencia
no uso dos seus recursos.
Describiu as características básicas do Mecanismo único de supervisión, que ten
dous compoñentes: o Banco Central Europeo, onde se residencia o novo Consello
de Supervisión, e as autoridades nacionais de supervisión que seguen sendo
fundamentais, pois achegarán a maior parte dos medios persoais e materiais que
traballan para o mecanismo, que reúnen a experiencia e o coñecemento sobre os
diferentes sistemas bancarios nacionais.
Explicou as competencias e responsabilidades do Banco de España no novo marco,
que levará o peso das inspeccións in situ, participará na preparación de todas
as decisións do Consello de Supervisión do BCE e actuará no exercicio das súas
facultades sancionadoras.
Concluíu resumindo
que "a posta en funcionamento da unión bancaria supón sen dúbida o proxecto
europeo máis ambicioso dende a creación da unión económica e monetaria. Con el
dá comezo unha nova etapa na integración económica, cun marco institucional e regulatorio máis
sólido que contribuirá a incrementar a confianza nas institucións bancarias,
preservar a estabilidade financeira e sentar as bases para un crecemento
económico máis estable. Afirmou que, o novo modelo que descansa en gran parte
nos supervisores nacionais, non supoñerá unha diminución da carga de traballo,
nin por conseguinte, das necesidades de persoal das autoridades dos países
participantes nin da relevancia do seu traballo. Este será tamén o caso do
Banco de España. E engadiu manifestando que o Banco de España afrontou xa os
cambios necesarios na organización da Dirección Xeral de Supervisión co
obxectivo de adaptar a súa estrutura ás necesidades e á configuración
requiridas polo Mecanismo único, e comezou tamén a aplicar os cambios necesarios
nos seus sistemas e métodos de traballo para contribuír o máis eficazmente
posible ao funcionamento da nova estrutura supervisora".
Despois das intervencións dos voceiros dos demais Grupos, Linde aludiu a outras
cuestións económicas de interese que paso a comentar:
Sobre a Lei
concursal familiar dixo que "é un tema que hai que estudar. O Banco de
España non considera que sexa un disparate estudalo; todo o contrario, hai que
ver que se pode facer, pero hai que encontrar un contido razoable, útil e ver
os tempos nos que esa reforma se acomete, porque non é igual acometer unha
reforma dese tipo nun momento de estabilidade financeira, en que non hai
crecemento económico e crédito normalizado, que nun momento diferente".
Sobre os desafiuzamentos afirmou que "son un tema importante e doloroso en
moitos casos pero, cando un ve o volume dos desafiuzamentos en relación coa
masa hipotecaria e con aquelas hipotecas que non teñen ningún problema,
evidentemente se trata dun problema, pero non xeneralizado, porque se reduce a
un volume de hipotecas moi limitado. Iso non indica que non se deba resolver,
pero insisto en que hai que distinguir entre problemas que esixen un tratamento
xeral e financeiro doutros problemas que esixen un tratamento distinto, quizais
non financeiro".
Sobre o incremento enorme das reclamacións dos consumidores financeiros dixo
que: "Na nosa xanela de reclamacións de consumidores e usuarios de
produtos financeiros e bancarios do Banco de España, as reclamacións
multiplicáronse por cinco ou seis no espazo de tres anos. É un problema
importante, sobre o que tamén temos que facer unha reflexión: se queremos ter
un enfoque puramente público ou de autorregulación".
Sobre o tema da resolución dixo que: "Antes resolvíanse os bancos que estaban xa moribundos, a punto de ter que disolverse ou liquidarse porque estaban xa quebrados, e iso facíase con diñeiro público. O novo enfoque é diferente, trata de ser preventivo: debe haber plans de resolución de todos os bancos, mesmo dos máis sans; eses plans deben actualizarse de modo continuo e todo está orientado a que os bancos poidan resolverse con diñeiro privado, non con diñeiro público".
Sobre o crédito dixo " é evidente que o negocio dos bancos é dar crédito, é unha cousa que todos sabemos, os bancos teñen efectivamente como obxectivo o seu negocio. Se neste momento hai dificultades ou hai aínda créditos moi caros, efectivamente, aínda que non sempre nos guste oílo, hai un problema de demanda solvente e hai un problema de demanda na concesión de créditos e hai un problema, por suposto, de prevención dos bancos a non incorrer en problemas de incrementar morosidade. Dixen moitas veces que para que o crédito se recupere de modo normal fai falta que a economía se recupere de modo normal. Os últimos datos indican que estamos aínda en taxas negativas, pero estamos en taxas negativas que se van suavizando. Eu non podo anticipar -non o sei nin me atrevería case a dicilo, aínda que o soubese- en que momento imos chegar a unha normalización, pero todo apunta a que se a nosa economía segue coas taxas de crecemento que temos neste momento ese momento debe estar xa preto".
En canto aos salarios, dixo que: "A idea básica é moi sinxela: a reforma laboral non se fixo para deprimir o consumo, non se fixo para conxelar os salarios en calquera circunstancia. Non, fíxose para impedir subas salariais que pechaban empresas. O problema básico do noso mercado laboral antes da reforma, como o proban as cifras, é que tiñamos unha regulación do mercado laboral que permitía e animaba subas salariais cuxa consecuencia era o peche de empresa e o aumento do paro. Toda a reforma laboral está orientada, non a impedir para sempre o aumento dos salarios -iso sería un disparate- senón a favorecer que non haxa subas salariais, que contribúen directamente a pechar empresas. A min paréceme que, efectivamente -e é o que quería dicir o señor Malo de Molina na súa declaración-, en canto haxa unha evolución económica que sitúe ás empresas en marxes razoables de beneficio e de actividade hai que pensar en subir os salarios. Paréceme que é unha cousa perfectamente obvia. Pero hai que ter coidado en non estimular subas xerais de salarios que volvan facer que, nalgúns sectores, as empresas teñan que pechar porque non poden sobrevivir con esas subas salariais. Hai que distinguir moi ben entre empresas que poden subir salarios e empresas que non poden facelo. Esa é toda a filosofía básica da reforma laboral que o Banco de España e eu, por suposto, compartimos absolutamente. As subas salariais son razoables, son perfectamente lexítimas e defendibles pero non ao custo de pechar máis empresas. Este é o punto clave da reforma laboral".
Recibirá resposta
Recibirá resposta