martes, 11 de noviembre de 2014

Os viaxeiros dos servizos de longa distancia Madrid-Galicia crecen un 33% ata outubro

Esta mañá tivemos sesión da Comisión de Fomento na que compareceu o secretario de estado de Infraestructuras, Transporte e Vivenda, Julio Gómez-Pomar, para responder varias preguntas.


Unha delas, a que eu mesmo lle formulei, para coñecer o balance dos servizos ferroviarios operados por RENFE en longa e media distancia no ano 2013 en e con destino a Galicia.

Gómez Pomar respondeu, que os viaxeiros de trens diúrnos entre Madrid e Galicia (punto a punto) aumentaron un 87,7% en 2013 respecto ao ano 2012 e que en 2014 a tendencia segue sendo positiva, pois os viaxeiros dos servizos de Longa Distancia Madrid-Galicia, xa cunha oferta estabilizada, seguen crecendo, ata outubro, un 33,3%; e en particular os servizos diúrnos máis dun 44% (incluíndo o servizo Intercity Madrid-León-Vigo).

Pola miña banda mostreime moi satisfeito por estes números tan positivos e relacioneinos co incremento dos servizos diúrnos implantados en 2013 na CC.AA.. E é que hai que recordar que Renfe implantou en 2013 un novo servizo ALVIA que atende as relacións entre Madrid, Ourense, Monforte, Lugo e Ferrol; outro novo ALVIA matinal entre Madrid, Ferrol, A Coruña, Vigo e Pontevedra, e que tamén prolongou dende A Coruña ata Ferrol o servizo ALVIA de tarde e ten mellorou o servizo Intercity Vigo - Ourense - Monforte - León - Madrid, cun servizo diario por sentido.

Igualmente, Gómez-Pomar informou que os servizos AVANT, implantados entre Ourense, Santiago e A Coruña, incrementaron o seu número de viaxeiros en 2013 respecto a 2012 máis dun 8% e que os datos acumulados ata outubro de 2014 respecto a 2013 son aínda mellores, xa que os usuarios se incrementaron un 35%.

Dixen que dende Galicia se ve por fin o futuro do transporte ferroviario con optimismo, ao que contribúe tamén a constatación da positiva evolución das obras das novas liñas de alta velocidade tanto do Eixo Atlántico no tramo Coruña-Vigo (que finalizarán en 2015) coma das obras de conexión entre Olmedo e Ourense, que permitirán que xa o próximo ano as viaxes en tren dende Madrid a Galicia reduzan o seu tempo en media hora.

Afirmei que "as obras da AVE avanzan conforme ao ritmo previsto, traballando coa vista posta no horizonte de 2018, e este esforzo estase a ver compasado coas dotacións presupostarias que para o ano 2015 prevén un investimento de 891,4 millóns de euros para o tramo Olmedo-Lubián-Ourense-Vigo".

E remarquei que, estes datos indican que Galicia terá un ferrocarril que será utilizado de forma moi importante polos cidadáns, aclarando que en España hai un importante potencial de crecemento, xa que cada español usa o ferrocarril unha vez cada dous anos, mentres que por exemplo en Francia ou Alemaña se está a usar máis de dúas veces ao año.

O secretario de estado de Infraestructuras anunciou tamén na Comisión de Fomento do Congreso que a operadora ten a vontade de dar continuidade e, se é posible, mellorar, o convenio de colaboración subscrito o 5 de agosto entre Renfe Viajeros e a Deputación de Ourense para promover conxuntamente os servizos de transporte en ferrocarril e a provincia de Ourense como destino termal.



Gómez-Pomar respondeu así á petición que lle fixen aludindo a que Ourense é a gran provincia termal de España e pedinlle que seguise traballando para potenciar esta especificidade. “Temos moitas esperanzas en que a futura proximidade por tren con Madrid e polo tanto con toda España contribúa ao desenvolvemento económico e en especial ao turístico da provincia" díxenlle.

Mencionei que Ourense é unha provincia cunha extraordinaria natureza: as súas montañas, os seus ríos, a Ribeira Sacra que compartimos con Lugo; cunha gastronomía e unha viticultura envexables, cunhas tradicións culturais ancestrais como O Entroido e cun patrimonio monumental impresionante, que fan dela un destino turístico con enormes potencialidades.

Tamén puxen en valor outras dúas actuacións levadas a cabo por Renfe en Galicia neste período:

-  a posta en servizo, en xullo de 2013, do tren directo Vigo - Porto, con dúas frecuencias diarias por sentido, que unen ambas as dúas cidades en 2 hora e 15 minutos,


- e a consolidación en 2014 dos trens turísticos que opera Renfe, con itinerarios que permiten descubrir e gozar da natureza e do patrimonio galego, e que alcanzaron unha ocupación media superior ao 80%, ademais da inclusión de Galicia nos percorridos do Al Andalus, dirixido ao turismo de alta calidade.





Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta