martes, 25 de marzo de 2014

Presentada a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3)

Saliento nesta entrada que o Goberno galego presentou hoxe a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que permitirá a Galicia obter fondos europeos entre 2014 e 2020 e que guiará a transformación da economía galega cara un sistema produtivo baseado na innovación. O documento marca as directrices para mobilizar máis de 1.600 millóns de euros entre capital público e privado ata 2020 e a ambición das medidas que propón, resaltou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a converte nunha “folla de ruta que trascende os límites do económico. É o manual de instrucións para a transformación global do país”.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou que a RIS3, cuxa elaboración liderou o Goberno galego en coordinación coa Secretaría de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación e a Comisaría de Política Rexional da UE, é un mapa para acadar o que Galicia quere facer de si mesma nos vindeiros sete anos: “unha Galicia máis competitiva, capaz de crear emprego sostible” e que “aposte pola creatividade” como eixo do seu futuro.

Á presentación da RIS3 acudiron o Comisario de Política Rexional da Unión Europea, Johannes Hahn, e a secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación, Carmen Vela, ademais de representantes dos máis de 240 membros do Sistema Galego de Innovación que participaron na elaboración do documento. Esas aportacións, subliñou Conde, sumadas aos 25.000 cuestionarios repartidos entre a cidadanía para que aportasen as súas propostas, converten á Estratexia nunha “visión común” dos propios galegos sobre o que queren ser en 2020, e foron claves na definición dos tres retos nos que se encadran 20 medidas a executar.

Os tres retos, sinalou Rueda, consisten na xestión innovadora dos recursos naturais e culturais –desde o agro e o mar ata o turismo-; un modelo industrial que mellore a competitividade das empresas e a diversificación das industrias con máis peso na nosa economía –acadando, por exemplo, o posicionamento do metal no ámbito aeronáutico-; e a través da innovación facer de Galicia o líder do sur de Europa no eido da mellora da calidade de vida con especial atención ao envellecemento activo.

Retos para a Galicia 2020

Así, o primeiro destes retos impulsará a modernización de actividades tradicionais dos sectores primarios galegos a través da innovación. Para isto, poranse en valor os recursos do mar para obter biocombustibles, fármacos ou cosméticos, ao tempo que se aposta pola modernización da acuicultura de cara a xerar novos produtos e servizos a través da aplicación da biotecnoloxía. Ademais, nos sectores agrogandeiro, pesqueiro e forestal abordarase un proceso de modernización encamiñado á obtención de explotacións máis eficientes, innovadoras e rendibles.

Este primeiro reto contempla tamén, dun lado, á mellora na obtención de enerxía a partir dos recursos autóctonos como a biomasa, a enerxía undimotriz ou os biocombustibles de orixe mariña. E doutro, apóstase pola modernización dos sectores turístico e das industrias culturais a través das TIC co obxectivo de crear produtos innovadores, desenvolver aplicacións móbiles e abrir novas canles de comercialización directa.

O segundo reto busca mellorar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega, como a automoción, o naval, o téxtil, a alimentación, a transformación da madeira ou a metalurxia. Para logralo, apóstase por aproveitar novos nichos de mercado, orientando a experiencia dos sectores auxiliares do naval ou da automoción de cara a acceder a industrias de alta tecnoloxía coma a aeronáutica ou a aeroespacial. Isto acompañarase da mellora competitivida industrial a través da aplicación da innovación nos procesos produtivos para camiñar cara a fábrica do futuro: un modelo máis eficiente e cun mellor comportamento medioambiental.

O último dos retos encamíñase ao posicionamento de Galicia como rexión líder do sur de Europa na innovación para a mellora da calidade de vida e para unha alimentación máis saudable e segura, con especial atención ás persoas maiores. O envellecemento activo configurase como un campo prioritario, polo que se apoiará a xeración de novas tecnoloxías tanto neste eido coma no do aumento da autonomía persoal. Isto compleméntase cunha aposta decidida polo desenvolvemento de novos produtos e servizos alimentarios, como alimentos funcionais para persoas maiores ou aplicación das TIC para garantir a trazabilidade dos produtos.

As pemes, protagonistas 

A partir de eses retos, nos que se encadran as medidas a tomar, a Estratexia define catro prioridades de investimento: reforza en primeiro lugar o papel das pemes como clave do plan, abrindo o 75% dos programas que se porán en marcha ás pequenas e medianas empresas. Tamén busca incrementar a implicación do capital privado no eido innovador, apoiando o seu esforzo con financiamento público. Ademais impulsa a transferencia de resultados do ámbito público ao privado, e por último prevé o apoio reforzado ao emprendemento innovador e ao talento investigador.

“É o proxecto construtivo dun modelo económico baseado na innovación”, apoiado sobre os fondos europeos que Galicia asegurou ata 2020, dixo Rueda, que resaltou a reorientación da liquidez europea desde os proxectos de infraestruturas ata as iniciativas inmateriais de I+D+i, en liña coa visión da propia UE. De 2.771 millóns de euros en fondos europeos que Galicia recibirá nos vindeiros sete anos, a Estratexia permitirá mobilizar máis de 1.600 millóns en innovación. “Confiamos o noso futuro á innovación”, dixo Rueda, e a Estratexia de Especialización Intelixente é a ruta para abordar ese reto.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.