miércoles, 1 de mayo de 2013

Manifesto do PP de G no día Internacional do Traballo


Con motivo da celebración do Día Internacional dos Traballadores, o Partido Popular de Galicia quere reiterar o seu compromiso co benestar e a calidade de vida dos cidadáns, algo que resulta impensable sen o emprego.

Lamentablemente, os últimos datos sobre o número de persoas desempregadas deixan unhas cifras que distan moito de ser as desexadas para esta formación, tendo en conta que non nos conformaremos con ningunha que sexa distinta a cero.

De todas formas, somos un partido con grandes aspiracións a nivel social. Os últimos datos coñecidos non supoñen un obstáculo para que nos sigamos erguendo cada mañá co obxectivo firme de reverter a tendencia alcista do paro ata erradicalo por completo.

A nosa prioridade nestes momentos difíciles é mellorar a vida das persoas e por iso non podemos consentir que haxa unha única familia que sufra o drama do desemprego.

Non se trata de estatísticas que vencer senón de persoas que axudar e que deben ser e son o principal foco de atención dos poderes públicos. 

Como partido político, como forza maioritaria na Cámara e como Goberno, seguiremos apoiando a implementación de medidas destinadas a crear novas oportunidades. 

Xa o fixemos con iniciativas como o Plan de Acción Social; fixémolo co Plan Hurbe, que contemplaba a creación de máis de 2.000 postos de traballo; e tamén co novo Plan Estratéxico de Feijóo, que prevé a creación de máis de 10.000 empregos anuais ata 2015.

Así mesmo, apoiamos firmemente o emprendemento e aos autónomos, posto que entendemos que son unha peza clave á hora de xerar postos de traballo e de afrontar a recuperación económica.

Con este obxectivo, a folla de ruta do Goberno galego xa incluía na pasada lexislatura axudas aos autónomos para a contratación do primeiro traballador indefinido. Unha medida na que Galicia foi pioneira. Agora, sumaranse tamén axudas para a contratación do segundo e do terceiro. 

Tamén apostamos firmemente pola formación das persoas desempregadas para facelas máis competitivas no mercado laboral e, por tanto, mellorar a súa empregabilidade. 

O Goberno galego vai destinar, así, 138 millóns de euros en axudas á incentivación do emprego que beneficiarán a 37.500 persoas.

Apostamos pola dinamización do emprego e poñemos todos os recursos que están ao noso alcance para conseguilo. 

O Goberno está cumprindo á hora de controlar a economía, o déficit, o gasto público e tamén á hora de impulsar axudas e apoiar as empresas. Contribuíu a xerar un marco de estabilidade económica polo que agora faise necesario que se retomen as contratacións por parte das empresas capacitadas para crear emprego.

É preciso que todos, partidos políticos, empresas, sindicatos, organizacións e gobernos, rememos unidos na mesma dirección: a da recuperación e o emprego. 

Por iso, pedímoslles a todos aqueles que se dedican a crispar aos que peor o estar pasando e a utilizar a súa desesperación para conseguir rédito político que pensen no interese xeral e deixen o seu a un lado. A única forma de saír da crise é unidos. 

A unión fai a forza e desta sáese aunando esforzos. Da súa man está decidir se queren formar parte da solución ou seguir sendo parte do problema. 

No PPdeG a nosa decisión estivo clara desde un principio e así o demostramos día a día.

Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es.
Recibirá resposta. Grazas.