sábado, 23 de marzo de 2013

Frear o declive demográfico de Galicia

Sen dubida un dos problemas principais de Galicia é o demográfico que se evidencia ao observar a pobrísima taxa media anual de crecemento e a tendencia  tendencia de crecemento vexetativo negativo 

A  estrutura poboacional galega responde a unha forma  piramidal que ten a base invertida, cunha clara concentración da poboación maior. 

Este feito ten unha parte positiva –a lonxevidade da poboación de Galicia– pero ten aspectos negativos tan importantes coma o envellecemento da poboación, a reducida taxa de natalidade, que condiciona, entre outros, o futuro mercado de traballo, a demanda de servizos sanitarios e sociais etc.

Un recente estudio do IGE (1) actualizou as proxeccións de poboación a curto prazo de Galicia con información por áreas xeográficas ata o ano 2021. Pois ben a gran conclusión  de que Galicia presentaría un comportamento continuo de decrecemento poboacional no período 2011-2021, que chegaría a acumular unha caída do 3,2%

Por provincias, serían as provincias de Lugo e Ourense as que manifestarían diminucións máis acusadas, un 7,5% e 7,0%, respectivamente, no período considerado, mentres que nas provincias da Coruña e Pontevedra estas diminucións serían do 2,4% e 1,4%, respectivamente.

Por áreas (agrupación de comarcas), as que presentarían un maior decrecemento poboacional no período 2011-2021 serían as de Lugo oriental, cun decrecemento do 15,7% e O Carballiño – O Ribeiro, cun descenso do 13,3%. Por outra parte, as áreas de Santiago, Pontevedra e Pontevedra sur verían incrementada a súa poboación nun 3,0%, 1,5% e 0,3%, respectivamente.

Unha das características dunha poboación envellecida como a galega é a de presentar valores negativos do seu crecemento vexetativo, é dicir, un maior número de defuncións que de nacementos. 

No citado estudio e no período considerado, 2011-2021, calcúlanse 194.572 nacementos e 307.883 defuncións, o que representaría un crecemento vexetativo negativo de -113.309 persoas. 

Dito o anterior quero salientar a nova coñecida esta semana de que a Consellería de Traballo e Benestar retoma a tramitación do “Plan para a dinamización demográfica de Galicia 2013-2016. Horizonte 2020”. 

Así O Consello da Xunta deu o pasado día 21 o visto e prace ao documento, para o seu posterior debate e aprobación definitiva no Parlamento. Este documento amplíase de 50 a 67 medidas para atallar o problema demográfico específico desta comunidade autónoma, que se artellan ao redor de catro áreas de intervención: a sensibilización da sociedade, o impulso socioeconómico da maternidade e paternidade, o apoio ás familias e a coordinación entre administracións.

Entre as medidas novidosas que se executarán destacan as relacionadas cos beneficios fiscais, axudas á vivenda e transporte.

Con respecto aos beneficios fiscais, o documento inclúe para 2014 un incremento de 300 a 360 euros da dedución fiscal por nacemento ou adopción do primeiro fillo, que irá aumentando gradualmente. Así, o Plan recolle tamén un aumento dos beneficios fiscais por nacemento ou adopción nos anos 2015 e 2016. Deste xeito, no exercicio 2015 está prevista unha suba polo segundo fillo de 360 a 400 euros e 400 a 450 euros polo terceiro fillo e sucesivos en 2016.

Ademais, e, como novidade, estes beneficios incrementaran nun 20 por cento para aqueles contribuíntes residentes en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Paralelamente a estas deducións, o Goberno galego ten previsto ampliar a partir de 2015 a prestación económica do pagamento único por fillo a cargo, unha axuda da Consellería de Traballo e Benestar que actualmente é de 360 euros. Esta prestación económica está dirixida para aqueles casos nos que os pais non estean obrigados e non presenten a súa declaración da renda.

Así mesmo, está previsto duplicar o límite máximo actual pola dedución do 30 por cento da cota íntegra autonómica para os contribuíntes que, por motivos de traballo, teñen que deixar os fillos menores ao coidado dunha persoa empregada do fogar ou nunha escola infantil. Este límite pasará de 200 a 400 euros sempre que concorran unha serie de requisitos, como que ambos os pais realicen unha actividade por conta propia ou allea.

En materia de vivenda, para a compra, aluguer ou reforma, para efectos de ponderación de ingresos da unidade familiar terase en conta ao fillo ou filla concibida, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite. Para isto, modificaríase o vixente Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas neste eido.

Por último, tamén destaca, no eido do transporte público, a incorporación dunha bonificación adicional nos pagamentos coa tarxeta metropolitana de Galicia aos membros de familias numerosas.

A situación demográfica de Galicia iniciou o seu debate na Cámara Galega en 2011, cando se creou unha comisión específica sobre este asunto: a comisión non permanente de estudo para a elaboración do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia. 

Entre as medidas novas que se incluíron a raíz do debate desta problemática na Cámara galega destacan, na área de sensibilización, a información e asesoramento técnico ás empresas sobre a protección das traballadoras embarazadas, en situación de parto recente ou lactación; e a promoción da avaliación de riscos e a protección da maternidade no traballo. 

Agardemos que estas e outras medidas contribuan a frear o alarmante declive demográfico de Galicia.