miércoles, 12 de diciembre de 2012

Aposta do Ministerio de Fomento por que o mercado do aluguer en España sexa unha alternativa eficaz ao da propiedade.





Hoxe compareceu na Comisión de Fomento do Congreso o  secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Rafael Catalá, quen avanzou  que o novo Plan Estatal de Fomento do aluguer de vivenda, rehabilitación, rexeneración e renovación urbana 2013-2016, que se presentará en breve, incluirá un novo sistema de axudas destinadas ao fomento do aluguer, que se outorgarán en función da renda e dos ingresos da unidade familiar.

 Rafael Catalá indicou, ademais, que se porán límites á contía dos alugueres que se financien, evitando a subvención de alugueres elevados, para os que non está xustificada a súa cobertura, e que se financiará unha proporción do aluguer, sen asignar unha contía fixa para evitar situacións de xeración de rendas adicionais superiores, nalgún caso ata, ás do propio aluguer.

Na súa comparecencia tamén sinalou que este plan suporá un cambio de orientación respecto ao modelo seguido ata agora, centrado na construción de vivenda e nas axudas á adquisición, en detrimento do aluguer.

Neste sentido, recordou que entre os anos 2008 e 2011 o Ministerio de Fomento destinou 1.720 millóns de euros para adquisición de vivenda, fronte aos 337 dirixidos ao aluguer.

Por iso, o Ministerio de Fomento está desenvolvendo unha serie de políticas orientadas a fomentar o aluguer, a rehabilitación e rexeneración urbana.

Lei de Fomento do aluguer

Tras recordar que España se sitúa á cola de Europa en materia de aluguer, Catalá destacou a aposta do Ministerio de Fomento por que o mercado do aluguer en España sexa unha alternativa eficaz ao da propiedade.

Neste sentido, referiuse ao Proxecto de Lei de Medidas de Flexibilización e Fomento do Mercado de Aluguer de Vivendas, actualmente en trámite parlamentario, co que se pretende, entre outros aspectos, fortalecer a liberdade de pacto entre as partes e no que se flexibilizan os prazos legais de duración do contrato de arrendamento.

Rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana

Do mesmo xeito que no caso do aluguer, Catalá indicou que a porcentaxe que representa o investimento en rehabilitación en España está moi afastado da media europea, situándose en 2009 nun 28%, fronte ao 41% da media europea ou do 56% de Alemaña. Ademais, dos case 26 millóns de vivendas existentes, a metade teñen máis de 30 anos e preto de 6 millóns, máis de 50 anos.

Para fomentar a rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana, a nova normativa flexibilizará as regulacións existentes, ao eliminar determinadas cargas urbanísticas, á vez que permitirá a realización de actuacións que favorezan a xeración de ingresos para o financiamento deste tipo de operacións. Neste sentido buscaranse economías de escalas para incentivar ás empresas privadas a participar nas actuacións de rehabilitación.

Así mesmo, no Plan Estatal 2013/2016 incluiranse proxectos ligados á rehabilitación tanto edificatoria, como de renovación urbana.

SEPES

Respecto de SEPES (Entidade estatal de chan), o secretario de Estado recordou que entre 2009 e 2011 produciuse unha fisura no principio de equilibrio financeiro e, como consecuencia, a aparición, por primeira vez, de resultados negativos (de 124 M€ en 2011). Nos últimos catro anos rexistrouse un descenso dun 67% das vendas, á vez que a actividade investidora crecía un 54%.

Para afrontar esta situación, Fomento adoptou un plan de viabilidade baseado na reorganización da entidade, que permitiu reducir os gastos de persoal e potenciar as áreas comercial e financeira, e a posta en marcha dun Plan Comercial para a venda do chan dispoñible.

Así mesmo, elaborouse un mapa de chan industrial para coñecer con exactitude a oferta dispoñible, tanto pública como privada.