Hoxe difundimos unha nota de prensa antes de que finalice a presente Lexislatura, pois queremos saber se o ministro de Fomento, José Blanco, cumprirá o compromiso adquirido pola Cámara Baixa o pasado 14 de xuño, cando na Comisión de Fomento se aprobou por unanimidade unha Proposición non de Lei do GPP para que RENFE estableza unha segunda relación matinal e diaria para unir por ferrocarril Galicia con Madrid antes de que finalice 2011.
Os deputados populares galegos agardamos que Blanco poña fin ao agravio que supón que Galicia sexa a única Comunidade Autónoma que só conta na actualidade cunha relación diúrna diaria con Madrid, mentres que, por exemplo, entre Barcelona e a capital hai 28 AVES e 1 ESTRELA; Entre Valencia e Madrid hai 14 AVES, 4 ALVIAS e 1 REXIONAL; Entre Sevilla e Madrid hai 20 AVES, e 2 ALVIAS; Entre Cádiz e Madrid hai 3 ALVIAS; Entre Santander e Madrid hai 3 ALVIAS e entre Gijón e Madrid hai 4 ALVIAS.
O texto que se aprobou, e que os deputados galegos esperamos que Blanco cumpra, incluía tamén unha petición a Renfe Operadora para que establecese servizos de media distancia entre Ferrol e A Coruña e entre Lugo e Ourense que permitan enlazar por horario con esta nova relación matinal entre Galicia e Madrid e que, polo tanto, posibiliten que as cidades de Lugo e Ferrol tamén poidan beneficiarse desta nova relación.
O pasado día 12 de xullo deste ano presentei unha pregunta parlamentaria interesándome polas xestións que se estaban a facer no Ministerio de Fomento para dar cumprimento ao mandato do Congreso, pero ainda estamos á espera de resposta dende o 1 de agosto e moito temémonos que co fin de Lexislatura o tema quede no esquecemento.
Considero que o ministro Blanco debe aclarar se cumprirá ou non cos galegos establecendo unha segunda relación diúrna coa capital e poñendo en marcha servizos de media distancia Ferrol-A Coruña e Lugo-Ourense que enlacen con ela.
Hai que subliñar que os tempos de conexión con Madrid (7 h. e 48 min dende A Coruña e 8 h. e 18 min dende Pontevedra) deben reducirse se queremos xerar unha demanda positiva e activar o fluxo de cara á chegada da alta velocidade.
Ademais, o feito de que a única relación actual entre Galicia e Madrid chegue á capital pasadas as 21,00 horas impide aos viaxeiros transbordar con outros trens no día para chegar a outros destinos como poden ser Cataluña, Valencia, Alicante e Andalucía, e tamén lles impide enlazar co transporte aéreo, entre outros cos voos nocturnos cara a Ibero-América.
Entendemos que non hai xustificación ningunha para o baixo número de servizos ofertados por RENFE-Operadora en Galicia, que representan entre 10 e 20 veces menos oferta da que goza calquera outra comunidade periférica, sobre todo tendo en conta que Galicia segue sen conexión con Alta Velocidade coa Meseta e que os prazos previstos parece que se alongarán novamente.
http://www.laregion.es/noticia/171989/ourense/dispone/diurno/madrid/
http://www.laregion.es/noticia/171989/ourense/dispone/diurno/madrid/