lunes, 7 de marzo de 2011

Galicia: unha Comunidade Autónoma solvente e comprometida coa estabilidade orzamentaria


Hoxe o diario "La Región" publica un traballo do periodista Héctor Díaz, titulado "As autonomías apértanse o cinto" no que analiza a situación financieira das Comunidades Autónomas. Recolle a opinión de tres deputados no Congreso, Ceferino Díaz, Francisco Jorquera e o presente.

Estas foron as miñas respostas as preguntas sobre esta interesante cuestión:

¿ Considera acertada a decisión do Goberno de autorizar a emisión de débeda ás CC.AA.?

Ao Goberno non lle quedou máis remedio, porque as CCAA están véndose afectadas moi bruscamente polo efecto da caída da recadación derivada da crise económica, e pola penosa previsión do Goberno Central á hora de facer os Orzamentos. O Goberno socialista negouse a ver a crise e adiantoulle ás CCAA máis de 25.000 millóns de euros que agora lle teñen que devolver. E nesta situación a maioría das CCAA non poden facer fronte aos gastos necesarios para sufragar servizos públicos básicos, que non se poden recortar. Iso non quere dicir que non deba ser estrito no cumprimento do establecido na Lei de Estabilidade Orzamentaria en materia de autorizacións de endebedamento así como nos acordos do Consello de Política Fiscal e Financeira, e que non deba limitar a capacidade de endebedarse adicionalmente a aquelas CCAA que incumpran os obxectivos de estabilidade orzamentaria, ou que non presenten un plan de reequilibrio crible e razoable.

¿ Considera necesario impor un teito de gasto ás CC.AA.?

Sen dúbida. É unha das propostas máis importantes do Partido Popular. Nestes momentos é fundamental reequilibrar as nosas contas públicas para dar confianza nos mercados e reducir a carga de intereses no noso orzamento. Demostrouse que a estabilidade orzamentaria é un elemento crave para a prosperidade económica do país, e a imposición na segunda lexislatura do PP do límite de gasto non financeiro do Estado foi un importante paso adiante neste campo. A modificación de elementos clave en materia de estabilidade levada a cabo polo Goberno do PSOE, por exemplo, substituíndo o criterio de equilibrio orzamentario en cada exercicio, polo de equilibrio ao longo do ciclo, permitiu que as arcas públicas cheguen a un déficit do 11,13% en 2009 e do 9,2% en 2010, mentres que en 2004 estabamos en déficit 0. É necesario retomar o control das contas públicas e establecer teitos de gasto para todas as administracións públicas, tal e como se fixo noutros países, como Alemaña, onde está dando bos resultados. O Goberno sábeo, e un día di que o vai a facer, cando vén de visita Angela Merkel ou o persoal do FMI, e outros días di que non.

¿ Cre que os gobernos autonómicos están xestionando con rigor os recursos económicos de cada Comunidade?

Hai 17 gobernos autonómicos e dúas cidades autónomas e cada un é independente e xestiona ao seu xeito. En xeral creo a maioría de CCAA están xestionando responsablemente os recursos dos que dispón para sufragar gastos elementais do noso Estado do Benestar. Está claro que nas CCAA, como en toda a administración pública en xeral, pódense facer moitos esforzos para racionalizar o gasto e evitar duplicidades, e é preciso acelerar ese proceso, cousa que nin está facendo o Goberno central, nin está impulsando que o fagan o resto de administracións.

¿ Cre que a xestión realizada pola Xunta permitirá lograr os obxectivos de estabilidade orzamentaria?

Si. E estao demostrando con feitos, xa que Galicia é unha das dúas únicas autonomías que cumpriu en 2010 por segundo ano consecutivo o obxectivo de estabilidade orzamentaria, xunto coa Comunidade de Madrid, fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) no 2,4% do PIB en termos de contabilidade nacional.

Neste momento de desconfianza dos mercados e de profunda crise económica é unha excelente nova que a Xunta de Galicia que preside Alberto Núñez Feijoo obteña este resultado reafirmando que somos unha Comunidade Autónoma solvente, comprometida coa estabilidade orzamentaria e que leva á práctica políticas serias de austeridade e de rigoroso control do gasto.