lunes, 15 de noviembre de 2010

"Ubi non est justitia ibi non potest esse jus"

Hoxe despraceime á localidade lusa de Valença do Minho, para asistir no seu Tribunal á primeira sesión da vista do xuízo seguida contra catro imputados polo secuestro do empresario ourensán Guillermo Collarte López, co que me unía amizade.

Os feitos ocorreron o 5 de outubro de 1999 cando Guillermo, que entón tiña 71 anos desprazouse como ocupante no coche doutra persoa desde Patos a Valença do Minho para reunirse cos seus socios, e ver unha obra que alí emprendían. O certo e verdade é que Guillermo Collarte desapareceu e nada se sabe del ata o día de hoxe xa pasaron once anos.

As investigacións policiais e xudiciais desenvolvéronse en España e Portugal e foron complexas e difíciles e non cesaron grazas ao admirable esforzo e dedicación da súa exemplar filla Berta Collarte.

Na sala de vistas de leste “Domus Iustitiae” hai un un mural cunha lenda: “Ubi non est justitia, ibi non potest esse jus” que é unha máxima dos filósofos estoicos que foi repetida por Marco Tulio Cicerón e divulgada no seu tratado De Legibus, polo que algúns a atribúen a este xurisconsulto romano.

A súa tradución é "onde non hai xustiza, alí non pode haber dereito", ou o que é o mesmo, que non se concibe a noción nin a posibilidade de existencia do dereito en desacordo coa xustiza.