Hoxe desde o Partido Popular da cidade de Ourense difundiuse esta nota de prensa
O PP celebra que, tras máis de catro anos de demora, ADIF por
fin licite as obras de ampliación do paso inferior de Ramón Puga e do paso
superior de Tarascón
· “Levamos
anos
reclamando estas actuacións, formulando preguntas parlamentarias e esixindo
explicacións a ADIF e ao Goberno de España. Hoxe é unha boa noticia para
Ourense, pero tamén a demostración de que, se non existe unha presión
constante, os compromisos con esta cidade acaban nun caixón”, explica o
diputado ourensán do PP, Celso Delgado
·
“Estamos a
falar dunha demanda histórica e celebramos que, por fin, esta actuación vexa a
luz, aínda que chega con moitos anos de atraso. O importante agora é que as
obras comecen canto antes e que se executen nos prazos previstos. Os veciños
levan demasiado tempo esperando por unha infraestrutura que mellorará de forma
importante a mobilidade, a seguridade viaria e a conexión desta parte da
cidade”, indica a voceira do Grupo Municipal Popula, Ana Méndez.
2 de xullo de 2026. O
Partido Popular celebra que por fin se producise unha boa e esperada noticia
para a cidade de Ourense: Adif licitou, por 2,1 millóns de euros, as obras de
ampliación do paso inferior da rúa Ramón Puga e do paso superior da rúa
Tarascón na cidade de Ourense, que salvan respectivamente as liñas ferroviarias
Zamora-A Coruña e Monforte de Lemos-Ourense-Vigo ao seu paso polo casco urbano.
Esta actuación, cuxo obxectivo é incrementar a
permeabilidade do ferrocarril na capital ourensá, mellorando o tránsito tanto
de peóns como de vehículos na súa contorna, enmárcase no convenio de
colaboración asinado entre ADIF e o Concello de Ourense, cun investimento total
estimado de 2,4 millóns de euros que financian ambas administracións ao 50%.
No caso do paso inferior da Rúa de Ramón Puga, a calzada
separarase en dous viarios, un para cada sentido da circulación de vehículos,
conectando esta coa glorieta de forma independente mediante unha bifurcación
con illa central.
Así, a calzada actual pasará a ser de sentido único desde
a glorieta ata a rúa Ramón Puga, incorporando unha beirarrúa para o tránsito
peonil. No sentido contrario executarase un novo vial de aproximadamente 80
metros de lonxitude que cruzará a liña ferroviaria mediante un novo paso inferior
ata chegar á glorieta, tamén dotado de beirarrúa para o tránsito peonil.
Pola súa parte, o paso superior da Rúa de Tarascón tamén
verá separada a súa calzada en dous viarios, un para cada sentido da
circulación. Para o sentido desde a N-120 executarase un novo vial de
aproximadamente 45 metros que cruzará a liña ferroviaria mediante un novo paso
superior con beirarrúa peonil, mentres que a ponte actual quedará para o
sentido contrario.
“Celebramos desde o Partido Popular
que, por fin, despois de enormes dilacións e atrasos inxustificados imputables
ao Goberno socialista e a Adif, se licitasen as obras de ampliación do paso
inferior da rúa Ramón Puga e do paso superior da rúa Tarascón”, destaca o deputado ourensán do PP, Celso Delgado. “Levamos anos reclamando estas actuacións,
formulando preguntas parlamentarias e esixindo explicacións a ADIF e ao Goberno
de España. Hoxe é unha boa noticia para Ourense, pero tamén a demostración de
que, se non existe unha presión constante, os compromisos con esta cidade acaban
nun caixón”, engade.
Pola súa banda, a portavoz do Grupo Municipal Popular, Ana Méndez, lembra que esta actuación
foi tamén unha das principais reivindicacións que a veciñanza lle trasladou nas
diferentes reunións que mantiveron.
“Estamos a falar dunha demanda histórica e celebramos
que, por fin, esta actuación vexa a luz, aínda que chega con moitos anos de
atraso”, asegura a voceira. “O importante agora é que as obras comecen canto
antes e que se executen nos prazos previstos. Os veciños levan demasiado tempo
esperando por unha infraestrutura que mellorará de forma importante a
mobilidade, a seguridade viaria e a conexión desta parte da cidade”, engade Ana
Méndez.
Cos veciños de Tarascón o 1.11.2025
Antecedentes das actuacións
O 22 de xuño de 2016 o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez,
e a ministra de Fomento, Ana Pastor, asinaron un Protocolo de Colaboración
entre o Concello de Ourense e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias
para o desenvolvemento da permeabilidade da cidade. Nel facíase constar que "A liña ferroviaria Zamora-A Coruña
atravesa a cidade, localizándose un paso inferior na rúa Ramón Puga, antiga
estrada de Rairo, pk. 244/881, de gálibo e anchura reducidos e sen beirarrúas.
E a liña ferroviaria Monforte-Ourense-Vigo atravesa a cidade, localizándose un
paso superior no p.k. 48/241, na rúa Tarascón, no que non poden cruzarse dous
vehículos e que tampouco está dotado de beirarrúas."
O 10 de decembro de 2021 informou Adif, mediante unha
nota de prensa, que a presidenta, María Luisa Domínguez, e o alcalde de
Ourense, Gonzalo Pérez, asinaran un convenio para o desenvolvemento e mellora
da permeabilidade da cidade na rúa Ramón Puga (punto quilométrico 244/881 da
liña ferroviaria Zamora-A Coruña) e na rúa Tarascón (p.k. 48/241 da liña
Monforte-Vigo).
Afirmaban que "o
investimento previsto nas obras de mellora ascende a 1.172.511,42 euros (IVE
incluído), cantidade que será financiada ao 50 % por ambas institucións
(586.255,71 euros cada unha)". E engadían que "o presente convenio dá continuidade ao
protocolo de colaboración asinado entre Adif e o Concello de Ourense o 22 de
xuño de 2016 para o desenvolvemento da permeabilidade na cidade. Adif conta xa
cos proxectos redactados para ambas actuacións."
En marzo de 2022 a Subdirección de Pasos a Nivel de Adif
informaba que "procedeu ao envío
da Solicitude de Inicio da Contratación e estima que no segundo semestre do ano
2022 poderán iniciarse as obras. O prazo do contrato sería de 10 meses."
Máis tarde, o 28 de novembro de 2022, respondeu por
escrito a estes deputados dicindo que "está
actualizando ambos proxectos de acordo coa Base de Prezos de xullo de 2022 para
proceder posteriormente á súa licitación."
E desde esa data Adif non deixou de dar escusas para non
licitar as obras. En febreiro de 2023 dixo que seguía actualizando os prezos.
En febreiro de 2024 afirmou que suspendía a licitación e continuaba redactando
os proxectos. En outubro de 2024 aseguraba que os proxectos estaban na fase
final de aprobación e, na segunda reunión da Comisión de Seguimento do
Convenio, celebrada o 17 de xuño de 2025, o subdirector de Pasos a Nivel de
Adif informou de que o anuncio de licitación se publicaría no mes de novembro
de 2025, pero tal cousa non aconteceu, xa que foi necesario aprobar unha
addenda modificativa e de prórroga do convenio co Concello de Ourense por un
período de catro anos desde a finalización do prazo inicialmente acordado.
Esa adenda modificou tamén o financiamento das
actuacións, cuxo custo total estímase en 2.397.555,22 euros (IVE incluído, agás as expropiacións), que será
asumido ao 50 % por ambas partes. Deste xeito, Adif financiará 1.198.777,61 euros e o Concello de
Ourense outros 1.198.777,61 euros.
Lembramos que o custo pactado no convenio de 2021 era de 1.178.550 euros (IVE incluído), tamén
financiado ao 50 %, polo que Adif e o Concello asumirían 589.275 euros cada un. Tras a addenda
produciuse un incremento do custo das obras de 1.219.005 euros, o que supón para o Concello un aumento de 609.502 euros, é dicir, un 103,43 % máis.
A adenda foi publicada no BOE o 29 de decembro de 2025 e agora, seis meses despois, anúnciase
finalmente a licitación das obras.
Conclusións
· Transcorriron dez anos desde que se asinou en xuño
de 2016 o Protocolo entre o Concello e Adif para desenvolver a permeabilidade
nestes puntos.
· Pasaron xa catro anos e medio desde que en
decembro de 2021 se asinou o convenio entre ambas partes para executar estas
actuacións.

Diante do paso inferior na rúa Ramón Puga o 1.11.2025
