jueves, 2 de julio de 2026

A Xunta destaca o investimento de 400.000€ para poñer en valor a Ponte Esperela, no concello de Leiro


A Xunta destaca o investimento de 400.000€ para poñer en valor a Ponte Esperela, no concello ourensán de Leiro, e mellorar a súa seguridade con nova regulación semafórica intelixente. 

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe esta última actuación de mellora da seguridade viaria na ponte.

Allegue comprobou esta nova instalación, con dous semáforos intelixentes, un en cada extremo desta ponte que cruza a estrada autonómica OU-209, que regulan o paso alternativo dos vehículos, priorizando a circulación desde a intersección coa OU-504. Estes indicadores funcionan con intelixencia artificial e están conectados coa rede existente de iluminación executada pola Xunta nesta Ponte Esperela.

Os semáforos están dotados de sensores de detección para adaptar automaticamente o seu funcionamento segundo a presenza de vehículos. Ademais, incorporan tamén, como subliñou a conselleira, un sistema de aforo con cámaras para contabilizar vehículos e peóns e mellorar así o seguimento da mobilidade. 

“Obtemos información sobre a intensidade do tráfico e axudaranos tamén a planificar futuras actuacións”, indicou, tras sinalar que este sistema contabiliza que cada xornada cruzan a ponte máis de 1.800 vehículos.

A actuación completouse coa mellora da sinalización horizontal e vertical na citada estrada OU-209.