martes, 18 de noviembre de 2025

Licitadas as obras de mellora da estrada OU-540, entre Celanova e Bande, ao paso por Verea


Celebro moito que a Xunta licitase as obras de mellora da estrada OU-540, entre Celanova e Bande, ao paso por Verea, que suporán un investimento de 6M€.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse hoxe ata Bande para dar conta desta actuación.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación desta intervención e establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 15 de decembro.

 

Allegue subliñou que o obxectivo da Xunta é comezar estes traballos na primavera do  vindeiro ano 2026 e desenvolvelos ao longo dun prazo de execución de arredor de 18 meses.

 

Trátase do acondicionamento da OU-540, concretamente do tramo Celanova- Bande, pasando por Verea, un treito que suma unha lonxitude de 14 quilómetros.

 

As obras inclúen o pavimentado de todo o tramo, a ampliación da plataforma, a creación de terceiros carrís para o adiantamento ou a rectificación de varias curvas.

 

O proxecto tamén contempla para os núcleos de Agrelo e Carballo, no municipio de Verea, a dotación de sendas peonís nas marxes da citada estrada autonómica.

 

María M. Allegu puxo en valor o compromiso da Xunta coa vertebración da provincia de Ourense cos obxectivos de mellorar as comunicacións, contribuír ao asentamento poboacional, especialmente no rural, e reforzar o dinamismo económico e o desenvolvemento social.

 

Neste sentido, detallou que así o reflicten os Orzamentos da Xunta para o próximo ano, que consignan para as infraestruturas unha dotación de 263M€, reforzando a conservación e a seguridade viaria  cun investimento récord de 71,6M€.