Onte o secretario xeral técnico e do Tesouro, David Cabañó, lamentou que o Goberno central permita ás comunidades elevar o déficit sen incrementar a capacidade de gasto.
Tras a reunión do
Consejo de Política Fiscal e Financiera celebrada onte en Madrid, David Cabañó
destacou a incoherencia que supón por parte do Ministerio de Facenda fixar o
obxectivo de déficit para 2026 nun 0,1% do PIB, unha cifra, dixo, que levaría á
Xunta a incorrer nunha regra de gasto por riba do 6%. “O déficit que está a
propoñer o Ministerio fai que os ingresos non poidan gastarse sen incumprir a
regra de gasto”, explicou, facendo fincapé en que a regra de gasto para o
vindeiro exercicio se fixa nun 3,5%.
Logo de trasladar o
malestar polo retraso desta convocatoria que, no caso de Galicia chega tarde
-cando xa aprobou o mes pasado os seus Orzamentos para 2026 e os está a debater
no Parlamento-, David Cabañó criticou tamén que, unha vez máis, se desaproveitara
a ocasión de actualizar o Sistema de Financiamento Autonómico, tal e como piden
a maioría das comunidades. “Unha vez máis anúnciase unha reforma, esta vez para
principios do vindeiro ano, pero sen determinar en que vai consistir e cantos
recursos adicionais se van poñer enriba da mesa”, subliñou, reiterando a
necesidade de que o Goberno central formule unha proposta de reforma que poida
debaterse sen acordos bilateriais, dentro do Consejo de Política Fiscal e
Financeira.
O Goberno non eximirá
de impostos as axudas para os afectados polos lumes
Por último, o
secretario xeral técnico e do Tesouro lamentou a negativa da ministra de
Facenda, María Jesús Montero, a que as axudas ás persoas afectadas polos
incendios deste verán non teñan que tributar.
Diante desta
negativa, David Cabañó, recordou que o Goberno galego eliminará os impostos aos
afectados polos incendios para compensar que non o faga o Executivo central:
dedución do 100% da tributación no tramo autonómico do IRPF polas axudas
autonómicas; redución do 100% na base do ISD polas doazóns recibidas para
reparar ou repoñer bens danados; dedución do 100% no ITP-AXD polas operacións
para substituír bens danados; e a exención das taxas da Xunta por servizos ou
actuacións derivados dos incendios.
