O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello deu o visto e prace a avanzar no anteproxecto da nova Lei de Cooperativas de Galicia “que promoverá a creación de cooperativas en novos sectores estratéxicos e permitirá simplificar os trámites destas entidades”.
Rueda salientou a necesidade de adaptar a actual normativa – que ten case 30 anos- “á realidade legal, social e económica da actualidade”. “Queremos ofrecer menos trabas e máis apoio ás cooperativas para que sigan sendo un motor da nosa economía”, indicou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.
O conselleiro resaltou que a futura norma -que será remitida ao Parlamento nos vindeiros meses- “busca fortalecer e modernizar este modelo empresarial”. Con este obxectivo a lei pon o foco na capacidade desta fórmula para seguir impulsando a creación de novas iniciativas en sectores clave para o territorio —como os servizos sociais, a enerxía ou a vivenda—, proporcionándolles maior seguridade xurídica e ferramentas máis claras. Ao mesmo tempo, incorpora medidas de simplificación administrativa e de reforzo da dixitalización e profesionalización do sector para facilitar tanto a creación e posta en marcha de novas cooperativas como a xestión e consolidación das xa existentes, reforzando a súa presenza en todo o territorio galego.
Deste xeito, a futura lei permitirá seguir reforzando un sector en pleno auxe, que tal e como lembrou o presidente “por primeira vez na historia supera o fito das 2.000 cooperativas activas, o que supón un 40% máis que hai só 5 anos”. Ademais, salientou que este tipo de entidades xeran “un volume de negocio de 3.500 millóns de euros anuais” —máis do 5 % do PIB galego— e “dan emprego a máis de 78.000 persoas”.
Neste marco, o anteproxecto, elaborado tras un amplo proceso participativo co sector —coa colaboración do Consello Galego de Cooperativas, o Centro de Estudos Cooperativos da USC e de entidades como EspazoCoop e Agaca—, persegue consolidar estes datos e reforzar o papel do cooperativismo na creación de emprego e no impulso do emprendemento, especialmente no rural.
A norma actualizará, entre outras cuestións, o réxime xurídico, incorporará ferramentas para mellorar a xestión e facilitará a posta en marcha de novos proxectos, fortalecendo a autonomía organizativa das entidades e reforzando a promoción e formación. A consideración do informe de hoxe é o paso previo á tramitación legal preceptiva —solicitude de ditames e informes correspondentes— antes da súa aprobación definitiva nos vindeiros meses. Para potenciar este esforzo do Goberno galego, a Xunta lembra a necesidade de que o Estado actualice a Lei de réxime fiscal das cooperativas —vixente desde hai máis de 30 anos— para adaptala á nova realidade, blindando e modernizando o réxime fiscal estatal de protección das cooperativas e, ademais, que se lles outorgue automaticamente calquera beneficio fiscal aplicable a outros modelos empresariais, en liña co xa feito por Galicia no marco das súas competencias.
Novas tipoloxías de cooperativas
A nova lei aspira a ofrecer un marco xurídico renovado que permita que o cooperativismo gañe presenza e forza en sectores cada vez máis estratéxicos para Galicia. Porén, un dos eixes centrais é a incorporación de novas tipoloxías de cooperativas que están a demostrar a súa capacidade para dar resposta ás necesidades económicas e territoriais. Así, por primeira vez establécese un marco específico para as cooperativas de traballo asociado no sector dos coidados, orientadas á prestación de servizos a persoas maiores, con discapacidade ou en situación de dependencia, entre outros colectivos vulnerables. O obxectivo é impulsar este modelo como ferramenta estratéxica fronte á dispersión, o envellecemento e a crecente demanda de servizos no rural, favorecendo o emprego e ofrecendo unha alternativa aos concellos á hora de prestar servizos de proximidade. De feito, coas novidades previstas no Rexistro de Cooperativas, favorecerase unha maior visibilidade destas iniciativas, especialmente relevante en procesos de licitación pública.
Outra novidade son as cooperativas de enerxía —tanto de xeración e/ou almacenamento como de consumo—, que permitirán afrontar os custos enerxéticos nos pequenos núcleos e promover un desenvolvemento sostible das economías locais. Tamén se recollen novas fórmulas cooperativas vinculadas a inmobles destinados a actividades económicas, como residencias da terceira idade ou estudantes, co gallo de ofrecer unha solución de habitabilidade temporal a prezo de custe; e clarifícase a normativa das de vivenda en aras de maior seguridade e protección dos socios. A norma introduce tamén melloras noutras xa incluídas na lei anterior, como transporte, ensino, consumo ou inclusión social.
Dixitalización e simplificación administrativa
A simplificación dos trámites é outro eixo clave. Establécese un réxime administrativo máis flexible, potenciando o papel da web corporativa e unha comunicación máis áxil con socios mediante medios electrónicos. Amplíanse os usos do fondo de educación e promoción —o 5 % do beneficio— para igualdade, conciliación, incorporación de xente nova e relevo xeracional, facendo deste instrumento unha panca eficaz para modernización e sustentabilidade das cooperativas.
Ademais, a norma impulsa a dixitalización do Rexistro de Cooperativas, de xeito que os trámites e a obtención de documentos poidan realizarse de forma automática, mellorando información e transparencia, e facilitando estudos estatísticos. Prevese tamén a comunicación áxil con socios e socias mediante medios electrónicos, garantindo sempre a seguridade xurídica.
A futura lei, segundo resaltou o conselleiro, amosa que “Galicia aposta polo cooperativismo que é apostar polo futuro e un modelo empresarial que sitúa no centro ás persoas”. González defendeu este tipo de entidades a ser “un modelo moderno, flexible e arraigado ao territorio”.