lunes, 29 de junio de 2026

Rueda anuncia que a Xunta inicia a preparación dos orzamentos de 2027 co obxectivo de que entren en vigor o vindeiro 1 de xaneiro


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico vai iniciar xa “a elaboración dos orzamentos da comunidade autónoma para o vindeiro ano” co obxectivo de “aprobalos en tempo e forma para que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2027”.

Deste xeito, o Goberno galego arranca a preparación dos terceiros orzamentos desta lexislatura, mentres o Executivo central acumula tres prórrogas orzamentarias. Rueda lamentou que España siga funcionando coas contas de 2023 cando os orzamentos “son a ferramenta básica para que calquera Goberno poida gobernar”.

O Consello da Xunta avaliou esta mañá o informe presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública sobre a orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos orzamentos do vindeiro exercicio, que marcan as bases do plan financeiro do Goberno galego para o ano próximo. “Galicia pon a estabilidade ao servizo dos galegos e galegas, somos previsibles e achegamos certezas”, indicou o conselleiro de Facenda e Administración pública, Miguel Corgos.

Tal e como reflicte o documento, coa publicación mañá martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) desta orde, Galicia segue achegando certezas e previsibilidade, elaborando, un ano máis, en tempo e forma os seus orzamentos. O proceso, tal e como explicou o conselleiro, continuará a finais de xullo coa aprobación do teito de gasto non financeiro e a entrega do proxecto de Orzamentos antes do 20 de outubro para a súa aprobación antes de finais de ano.

Ante a persistencia de incertezas tanto a nivel internacional, asociadas ao conflito de Oriente Próximo, como nacional, marcadas pola ausencia de orzamentos do Estado desde 2023 e o remate do estímulo investidor do Plan de Recuperación e Resiliencia, Galicia afronta este escenario seguindo a súa propia senda de estabilidade e mantendo un estilo propio que está a permitir ter un diferencial positivo de crecemento pos- pandemia de máis de dous puntos. Unha composición distinta nos compoñentes do PIB, na que destacan un mellor comportamento da demanda interna, da formación bruta de capital e de gasto en consumo final, favorece a diferencia de resultados.

Pese as incertezas económicas e xeopolíticas, Galicia segue funcionando e presentará unhas contas que terán como prioridade “o reforzo continuado dos servizos públicos asistenciais como  sanidade, a educación ou a dependencia”, indicou Rueda. Un reforzo que se realizará a través, por exemplo, do investimento en medios persoais, da dixitalización e modernización dos centros de atención primaria e complexos hospitalarios, ao tempo que se executa a programación do Plan de Infraestruturas Sanitarias.

No que se refire á educación, impulsarase un modelo educativo inclusivo, accesible e de alta calidade, mediante a dotación axeitada de recursos de apoio socioeducativo e reforzo da excelencia da rede docente como eixe de cohesión social. Seguiranse reforzando a FP dual, a orientación profesional, e as competencias dixitais e científico tecnolóxicas, en especial nas rapazas.

Reforzaranse tamén os recursos asistenciais dedicados á dependencia e aos servizos sociais comunitarios, potenciando a coordinación sociosanitaria e os modelos de atención centrados na persoa, así como os programas de protección fronte á soidade non desexada e a exclusión social.

Por outra banda, continuarase co desenvolvemento do Plan de Vivenda de Galicia, cun alto esforzo investidor nas partidas destinadas a promover o parque de vivenda pública e protexida, facilitando fórmulas para o acceso asumible ao aluguer, e a rehabilitación residencial, especialmente para mozos.

O reforzo das políticas activas de emprego, a formación profesional e o retorno do talento, continuar os traballos de adecuación entre as necesidades do mercado laboral e as competencias da poboación activa, con especial atención á mocidade, ás mulleres e ás persoas en risco de exclusión son outras das prioridades recollidas na Orde de elaboración de Orzamentos para o 2027.

Entre os obxectivos para o vindeiro ano están ademais aproveitar o pulo do Ano Santo Xacobeo 2027 para impulsar o turismo sustentable e vertebrador. “Faremos unha aposta especial polo Xacobeo 2027, que vai supoñer unha gran oportunidade de promoción de Galicia”, indicou Rueda.

Ademais, darase prioridade á consolidación das estruturas precisas para unha xestión eficiente e integral das competencias asumidas en materia de ordenación do litoral, a apoiar a mobilidade sostible e a protección do medio natural en xeral e da xestión da auga e do monte polo miúdo. Así mesmo, fomentarase o desenvolvemento e modernización das cadeas mar industria e agro-industria como fontes de riqueza e cohesión territorial apostando pola innovación, transformación, trazabilidade, internacionalización e adaptación climática.

Manter o coñecemento e a innovación como pancas de crecemento económico, é outro dos obxectivos, buscando substitutos financeiros aos fondos MRR para impulsar o seu impacto transformador e multiplicador sobre o tecido produtivo galego.

Coa aprobación desta orde, Galicia pon de manifesto que segue a súa propia senda de estabilidade e xestión fiscal responsable.  O Goberno galego, quere, nestes tempos nos que abundan as incertezas, poñer a súa estabilidade ao servizo dos cidadáns para achegar certezas e previsibilidade.