A Corporación provincial de Ourense, no plenocelebrado onte,
aprobou por unanimidade unha iniciativa a prol do impulso ás infraestruturas
estratéxicas e á captación de investimentos industriais na provincia.
Entre os acordos que incluía esta proposta figura que se
continúe priorizando e executando o desenvolvemento de chan empresarial en
parques estratéxicos como os de Xinzo de Limia, San Cibrao das Viñas, Pereiro
de Aguiar, Paderne de Allariz ou Carballiño-Maside.
Así mesmo pídese ao Goberno autonómico, a través do
Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que manteña unha prospección
activa nos mercados nacionais e internacionais, co fin de captar novos
proxectos que poñan en valor o potencial loxístico e industrial de
Ourense.
Por outra banda, solicítase tamén ao Goberno de España que
priorice de forma urxente as infraestruturas pendentes no territorio. O acordo detalla
demandas clave para a competitividade das empresas e a seguridade viaria, como
a construción da estación de mercadorías por ferrocarril no polígono industrial
de San Cibrao das Viñas, a renovación das liñas ferroviarias do interior cara
Lugo e Vigo, e a execución da autovía A-76.
Adicionalmente, reclámase ao Executivo central a
reparación integral das estradas N-120 e N-540, debido á grave deterioración
acumulada no firme e á presenza de fochancas que actualmente comprometen a
mobilidade e seguridade de persoas e mercadorías.
Reclámase por outra banda ao Goberno galego que
garanta a execución de 126,1 M€, reflexándoos nos orzamentos da Xunta para o
desenvolvemento de solo empresarial na provincia de Ourense para o período
2026-2030, a través dunha programación realista e anualizada.
Esta moción fundaméntase no momento decisivo que vive
Ourense para consolidar o seu desenvolvemento económico, xerar emprego
cualificado e fixar poboación. A provincia, engádese, conta con vantaxes
competitivas esenciais -recursos naturais, posición xeográfica, capital humano
e dispoñibilidade de chan industrial- que deben ser promocionadas de forma
decidida. Por iso, o texto subliña que resulta vital resolver os déficits de
conectividade actuais, garantindo así unhas comunicacións adecuadas ás
necesidades dunha provincia que aspira a seguir crecendo.
Conexión por autobús coa estación da Gudiña
O Pleno tamén aprobou, por unanimidade, unha moción sobre
a adaptación dos servizos de transporte público por estrada á oferta
ferroviaria vixente na estación da Gudiña-Porta de Galicia.
Neste sentido pídese á Dirección Xeral de Mobilidade da
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes que adapte, con carácter
urxente, os horarios dos servizos de autobús de titularidade autonómica que
conectan a estación da Gudiña coas comarcas de Valdeorras, Viana e Verín,
garantindo unha conexión con chegada previa á saída do tren das 7:44 horas cara
Madrid, así como a cobertura dos restantes servizos ferroviarios en ambos
sentidos.
Solicítase que desde a Deputación de Ourense, en
colaboración coa Dirección Xeral de Mobilidade, Renfe e os concellos das
comarcas afectadas, aváncese cara á adopción dun protocolo estable de
coordinación intermodal na estación da Gudiña, que inclúa mecanismos de
actualización automática dos horarios de autobús ante calquera modificación da
programación ferroviaria.
Acceso viario efectivo ao polígono de San Cibrao
Continuando co capítulo de proposicións, a Corporación deu
o visto bo unánime a unha moción na que se pedía a execución dos tramos
pendentes da ronda leste A-52/A-76, así como un acceso viario real e efectivo
ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas.
Na proposta solicítase á Xunta de Galicia, como
administración responsable da planificación e execución das infraestruturas
viarias recollidas no seu Plan Sectorial, a que licite as actuacións pendentes
da ronda leste A-52/A-76, co fin de crear un acceso directo de alta capacidade
entre a autovía A-52 e o polígono de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico de
Galicia.
Tamén se reclama á Xunta de Galicia, á Deputación de
Ourense e ao Concello de San Cibrao que garantan os compromisos públicos
adquiridos no Foro Ourense Industrial de outubro de 2025, pedindo ademais ao
Estado que tramite e provea a dotación económica necesaria para que, en
colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de San
Cibrao, garántase a curto prazo a execución da estación de mercadorías por
ferrocarril do polígono industrial.
