O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou hoxe en Oviedo á unión das comunidades autónomas do noroeste para manifestarse cunha voz común ante retos como as infraestruturas ou o modelo de financiamento autonómico. Así o sinalou esta mañá durante a súa participación na II edición do Foro do Noroeste que organiza Prensa Ibérica baixo o lema Construíndo pontes, creando futuro.
Alí, o titular do Executivo galego conversou cos seus homólogos de Asturias, Adrián Barbón, e de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, aos cales agradeceu a súa capacidade de diálogo e de chegar a acordos en “intereses comúns” por riba das diferenzas políticas.
Un dos temas que centraron o debate foi o estado das infraestruturas, fundamentais para a competitividade das tres comunidades autónomas. Neste ámbito, Rueda esixiu “vontade política” ao Goberno central para desenvolver o Corredor Atlántico e lamentou que a AP-9, unha “infraestrutura vertebradora”, siga sendo unha das peaxes máis altas de España, tendo que esperar tanto tempo para que o Congreso comezase a avanzar no debate da súa transferencia.
Os tres presidentes autonómicos abordaron tamén o modelo de financiamento autonómico e a proposta de condonación da débeda autonómica. O presidente galego criticou que a proposta do Goberno central non cumpre cos consensos principais da Declaración de Santiago, un acordo proposto por 8 comunidades autónomas de diferentes signo político -incluídas Asturias e Castela e León- e que se baseaba nos principios de multilateralidade, en función das necesidades de cada rexión, non segundo a súa capacidade tributaria. Neste sentido, afirmou que o modelo proposto é “absolutamente prexudicial” e que Galicia, que “non ten un problema de débeda”, precisa “un financiamento diferente”.
Demografía e innovación
Tamén durante a súa intervención, Rueda reivindicou a importancia de aplicar en Galicia “unha boa política fiscal” e salientou que o retorno de moitos “galegos de orixe” está a axudar a que a nosa comunidade medre en poboación, un “bo camiño para orientar o que ten que ser un fluxo migratorio que precisamos e que polo tanto debe ser ordenado”.
Ademais, o presidente fixo fincapé tamén na decidida aposta que está facendo a Xunta pola I+G+i, a I+D+i galega, á que definiu como “un camiño seguro”, e que alcanzou un récord histórico de investimento con 1.058 M€, o que supón, ademais, crecer por riba da media estatal. Neste punto, convidou ás empresas a tecer alianzas neste sentido e puxo en valor o traballo do Executivo galego por facer de Galicia un lugar atractivo para científicos e investigadores.
