Onte o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a aposta da Xunta por ofrecer “estabilidade, cooperación e sentidiño” para apoiar ao tecido empresarial galego, clave á hora de contribuír ao desenvolvemento económico e social de Galicia.
Durante a súa participación na Gala das Empresas Ourensás 2025, que organizou a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), lembrou que Galicia “vai aprobar en tempo e forma os orzamentos” de 2026, o que permitirá entre outras cousas “manter unha política fiscal responsable, sen subir impostos”.
Ademais, resaltou que a Xunta está ao carón dos empresarios para resolver algúns dos desafíos actuais como ”a falta de man de obra en postos críticos, o absentismo ou a cobertura de vacantes” a través dunha nova oferta formativa para ampliar as competencias dos traballadores ou medidas para atraer a profesionais doutros países.
O compromiso do Goberno galego ás iniciativas empresariais tamén se traduce na práctica en medidas a simplificación e axilización burocrática, o impulso do Diálogo Social ou o apoio ao emprendemento. En referencia a este último punto, cómpre salientar a capacidade de innovación do tecido produtivo valeulle a Galicia ser recoñecida como Rexión Emprendedora Europea 2025.
Na gala, que recoñeceu o compromiso das empresas da provincia e premiar ás que destacaron en distintos ámbitos como a sostibilidade, a innovación, a internacionalización ou a responsabilidade social empresarial, Rueda salientou que o tecido empresarial é un bo exemplo do que significa Galicia Calidade, “desde os máis grandes e potentes ata os pequenos empresarios que levantan cada día a persiana” e resaltou “que Ourense é unha provincia potente a nivel empresarial”.
Por último, Rueda recordou a figura de Marisol Nóvoa, falecida este ano e que fora a primeira muller en presidir a CEO. “Moi cumpridora e cun alto sentido da súa representación institucional”, indicou.
