lunes, 22 de diciembre de 2025

A Xunta destina 2 M€ a adquirir locais comerciais sen uso na cidade de Ourense para destinalos a vivendas de promoción pública

 

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que a Xunta destinará 2 M€ á adquisición de locais comerciais sen uso na cidade de Ourense para transformalos en vivendas de promoción pública con cualificación permanente, tal como acordou hoxe o Consello do Goberno galego.

Tal e como sinalou o conselleiro, este acordo serve para “avanzar no compromiso de ampliar o parque público residencial e chegar as 8.000 vivendas protexidas”. Con tal fin, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), realizará unha oferta pública de adquisición de locais sen uso situados en baixos ou entreplanta de inmobles de uso residencial na trama urbana da cidade e teñan un bo estado de conservación e estarán libres de cargas.

Calvo sinalou que, ademais, cada local “deberá permitir a construción de polo menos unha vivenda” que deberá cumprir as condicións exixidas pola normativa en materia de edificación e de habitabilidade.

Segundo sinalou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, as ofertas que se presenten poderán incluír tamén unha praza de garaxe ou rocho por vivenda resultante.

O IGVS realizará unha taxación dos locais que seleccione entre os que lle sexan propostos e fará unha oferta económica pola contía que resulte máis baixa entre a oferta do propietario, o valor de taxación ou o valor resultante de aplicar os prezos indicados nos parágrafos anteriores.

No caso dos locais que finalmente adquira, o IGVS pagará, ademais do prezo destes, os gastos derivados dos honorarios dos profesionais que interveñan na elaboración da documentación técnica e/ou na realización dos trámites administrativos necesarios para participar nesta oferta pública, “ata un máximo de 1.500€”, abondou Allegue.

Segundo salientou o conselleiro, os propietarios interesados en realizar unha oferta poderá facelo unha vez que esta estea publicada no Diario Oficial de Galicia, a comezos de xaneiro e ata o 1 de maio de 2026.