O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico contratará “dous avións de carga en terra para ampliar e mellorar a dotación de medio aéreos e reforzar a loita contra os incendios forestais”.
Así o autorizou esta mañá o Consello, no cal se deu conta tamén de que o período de contratación deste servizo é para as anualidades 2026, 2027 e 2028, por un importe de “máis de 3,9 millóns de euros” que se poderían ampliar ata case 5,49 cunha prórroga de 12 meses máis e outras posibles modificacións. “Unha mostra máis do compromiso da Xunta na prevención e loita contra os incendios forestais”, apuntou Rueda.
No caso dos avións, o novo contrato suporá que o dispositivo autonómico disporá de dúas aeronaves máis durante 840 días de servizo, cun total de 1.120 horas de voo no período de duración do contrato ata 2028. As aeronaves contratadas quedarán a plena e exclusiva disposición da Consellería do Medio Rural para a súa aplicabilidade nas diferentes misións de loita contra os incendios, ou calquera outra relacionada con esta materia e que a Xunta dispoña, sempre de acordo coas prestacións técnicas dos aparellos. Polo tanto, este contrato permitirá mellorar a capacidade de extinción dos lumes, o que redunda nunha mellora da seguridade das persoas e dos bens, así como da defensa da riqueza forestal galega.
Coa suma destas dúas aeronaves, tal como apuntou Alfonso Rueda, “son xa oito os avións de carga en terra” cos que contará o dispositivo autonómico de loita contra o lume para facer un total de 22 medios aéreos dependentes da Consellería. En total, contando os do Estado, serán máis de 30 os aparatos que traballan na extinción de incendios en Galicia.
Rapidez e axilidade
O número medio de incendios e a simultaneidade na súa incidencia fan que a Administración necesite dotarse, dentro do seu dispositivo de prevención e defensa, de medios aéreos que, de forma rápida, poidan acudir aos incendios e participar na súa extinción.
Debido á heteroxeneidade que presenta a orografía galega e ás distintas tipoloxías de incendios, é preciso dispor de medios de distintas clases, orientados cada un a un tipo de misión distinta. As diferentes misións que levan a cabo estes aparatos son -ademais do lanzamento de axentes extintores como auga e retardantes-, a vixilancia de zonas de risco de incendios e a coordinación doutras aeronaves que actúan nun incendio.
O caso particular do emprego de avións de carga en terra nestas tarefas ten resultados moi positivos. Trátase dun medio que, debido á súa axilidade e rapidez nos desprazamentos, resulta moi útil para a extinción de incendios nunha contorna de 30-40 quilómetros desde a súa base operativa.
Incremento do investimento en 2026
O presidente da Xunta lembrou que a Consellería do Medio Rural incrementará o seu investimento no 2026 para tarefas de prevención e extinción de lumes, ”cun orzamento de máis de 116 millóns de euros”, dos que 75,38 -é dicir, preto do 65 %- se destinarán a prevención e os 40,6 millóns de euros restantes a extinción.
En materia de infraestruturas de loita contra o lume, no vindeiro ano prestarase especial atención á rede de bases de unidades operativas (BUO) e ás bases de medios aéreos, con investimentos destacados que mencionou o titular do Executivo galego como a nova base de helicópteros de Lalín; a renovación do aeródromo de Antela, en Sandiás; a construción da nova base de Setecoros, en Valga; o acondicionamento da base aérea do Campiño, en Pontevedra; e accións de mellora noutros emprazamentos.
A maiores, o orzamento total para medios aéreos aumenta ata os 19,56 millóns de euros trala contratación destes dous novos avións de carga en terra que se incorporarán ao dispositivo de loita contra o lume galego.
