O Partido Popular de Ourense asegurou hoxe que ten por diante “un reto moi importante, pero tamén unha oportunidade” para “cambiar o rumbo” da cidade, poñendo o foco nas próximas eleccións municipais.
O Partido Popular da cidade de Ourense celebrou esta tarde o seu tradicional magosto, no que xunto a medio millar de afiliados e simpatizantes tamén participaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial, Luis Menor, e a presidenta da xestora local e portavoz municipal, Ana Méndez.
Na súa intervención, Ana Méndez amosou a súa satisfacción por comprobar, unha vez máis, a multitudinaria resposta dos afiliados e simpatizantes ao magosto do PP, “unha mostra do compromiso” que pon cada un deles “en cada iniciativa do Partido Popular”, destacou. A presidenta da xestora agradeceu tamén a todos os asistentes “por seguir estando sempre ao lado do partido e demostrar que o PP de Ourense está vivo e con ganas”.
“Temos por diante un reto moi importante, pero tamén unha oportunidade para cambiar o rumbo da cidade de Ourense”, asegurou Méndez e, nesa liña, afirmou que “o que hoxe se veu no magosto, este espazo cheo da nosa xente, é o mellor exemplo da forza, da ilusión e da confianza coa que o Partido Popular traballará para acadar uns grandes resultados nas eleccións municipais de 2027”.
PAULA PRADO: “TRABALLEMOS PARA DICIR TAMÉN EN OURENSE QUE O PARTIDO POPULAR GOBERNA”
Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, tamén quixo poñer en valor o éxito da convocatoria de hoxe destacando que o que isto demostra é que o PP conta na cidade cun “equipo unido, con ganas de traballar por un Ourense mellor e con proxectos que dan resposta ás necesidades reais da cidade e dos veciños”.
“Un equipo que seguirá traballando para que tamén aquí en Ourense poidamos dicir que o Partido Popular goberna, como en Galicia co Goberno de Alfonso Rueda”, afirmou coa mirada posta xa nas próximas eleccións municipais e ao tempo que reivindicaba a “estabilidade” e as “solucións” que ofrecen os gobernos populares.
De feito, a número dous dos populares galegos animou a todos os presentes a seguir traballando para “demostrar que o Partido Popular é o partido de Ourense e o partido de Galicia” e para “facer posible o cambio que Ourense merece e necesita” en 2027.
LUIS MENOR: “UNHA CAPITAL FORTE E DINÁMICA É SINÓNIMO DE DESENVOLVEMENTO NA PROVINCIA”
Esta tradicional cita do PP da cidade non é unha simple festa de militantes e simpatizantes, apuntou o presidente provincial, Luis Menor: “Con esta xuntanza lanzamos á sociedade unha potente mensaxe de unión”, subliñando o principal obxectivo do PP, que é “construír unha alternativa de futuro para a capital”.
Menor advertiu que na cidade de Ourense reside un terzo dos habitantes da provincia, de aí que sexa necesario deseñar unha proposta atractiva para o maior número de ourensás e ourensáns. Por iso, dixo, desde o grupo municipal tómase nota das prioridades que ten esta cidade e estúdase a conciencia as necesidades da veciñanza”. Despois aplícase a principal premisa de traballo do PP: “Apoiar sempre o que se sexa bo para a cidade e os seus habitantes”.
Ao mesmo tempo, o presidente provincial incidiu en que unha capital dinámica e activa económica e socialmente vai tirar claramente da provincia, de aí que defendera que “unha capital forte é sinónimo de desenvolvemento na provincia, e que unha provincia dinámica é sinónimo dunha capital activa”.


