Allegue interveu hoxe no Parlamento, onde criticou o “boicot constante e permanente” do Goberno central aos acordos unánimes da Cámara galega para a transferencia da autoestrada. Neste senso, cualificou de “insulto” aos galegos que o PSOE adiase o debate do traspaso con 45 prórrogas nesta Lexislatura, 60 en total, así como a posterior presentación de emendas dos socialistas que “desvirtúan por completo a decisión desta Cámara” e supoñen unha oposición clara á transferencia.
Actuacións que, segundo a conselleira,
amosan o dobre discurso do PSOE en Galicia e Madrid, polo que pediu aos
socialistas galegos que clarifiquen se manteñen vixente o seu compromiso cunha
AP-9 galega e co consenso acadado na Cámara autonómica. Así, urxiu que se
constitúa canto antes a Ponencia no Congreso para que se debatan as emendas
presentadas polo PSOE e “os galegos poidamos ter claro cal é a posición do
Partido Socialista”.
Fronte a esta situación, apuntou que o
Executivo galego seguirá a respectar o acordo do Parlamento de Galicia e a
adoptar cantas medidas sexan necesarias “para acadar unha AP-9 libre e gratuíta
e 100% galega”.
Por outra banda, Allegue volveu criticar que
o Goberno central ningunea a Galicia co seu silencio ante o recente ditame da
Comisión Europea que pon en tela de xuízo as prórrogas das concesións, tanto da
autoestrada galega como da AP-66 de Huerna, Asturias e León, e tamén coa falta
de resposta do ministro de Transportes ante as peticións de reunión da Xunta
para abordar a xestión da autoestrada.
Incidiu en que a Xunta esixe, ademais da
transferencia que reclama o Goberno galego desde hai de 16 anos, o rescate da
autoestrada.
Aos “agravios” a Galicia na AP-9 unirase,
segundo lembrou, o novo tarifazo das peaxes para a volta do Nadal. Recordou que
esta autoestrada é das máis caras en España, cun incremento das tarifas do 20%
en apenas catro anos.
“Galicia -indicou- non pode seguir pagando
pola AP-9, mentres se liberalizan peaxes e se levantan barreiras noutros
territorios”.
Lembrou a oportunidade que presenta o ditame
da CE e sinalou que a Xunta fixo o cálculo do rescate, que hai un ano situou
nos 2.331M€ e que actualizou neste 2025 a 2.356M€, cifra moi similar ao custe
das bonificacións ata o fin da concesión, polo que recordou que canto máis
tempo pase “máis gravoso será o rescate para as arcas do Estado, máis gravoso
será para os usuarios e máis beneficioso para a concesionaria”.
