A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta dos Orzamentos do departamento para o vindeiro ano, que pasa de 513 M€ aos 560 M€.
Allegue destacou que os novos orzamentos supoñen “unha aposta real
por Galicia” e permitirán avanzar nos compromisos da acción de goberno:
duplicar o parque público residencial con 4.000 novas vivendas en 2028, das que
xa están en marcha preto de 3.000; desenvolver solo onde construír novas
vivendas, fixar poboación no rural impulsando as rehabilitacións, avanzar nunha
Galicia máis conectada a través das estradas autonómicas e “seguir a facer
cidade”, con grandes actuacións nas infraestruturas públicas.
Vivenda
No reto da vivenda, Allegue falou duns orzamentos “históricos”,
que se incrementan e permitirán no 2026 ter entregados os primeiros fogares
proxectados e construídos na lexislatura. Subliñou que o orzamento do IGVS
alcanza unha cifra récord de 269,2M€, cun incremento do 22%, e os 163M€
destinados á construción de nova vivenda supoñen un aumento do 63%. E destacou
que da cifra global de 269 millóns, 168 corresponden a fondos propios da
Comunidade, un 36% máis que no exercicio precedente. Só o 17% do orzamento do
IGVS provén de fondos finalistas do Estado.
A Sociedade Vipugal, que xa ten en marcha 1.777 fogares, terá un
orzamento de 77,8M€, que se destinarán á promoción de nova vivenda pública. E o
programa Fogar Vivo para mobilizar vivendas baleiras, posto en marcha este ano
e que xa recibiu máis de 300 solicitudes, triplicará a súa dotación ata os
2,6M€.
Novas medidas
A conselleira puxo o foco nas novas medidas para axilizar a posta
á disposición de vivenda. Así, destacou que a Xunta realizará unha oferta
pública de adquisición de baixos para transformalos en vivenda pública de
calidade e con carácter permanente, dotado con 5M€. Ademais, o IGVS terá o
dereito de tanteo e retracto para a adquisición das vivendas protexidas, e
comprará directamente as vivendas públicas en segundas e posteriores
transmisións.
Así mesmo, regularase a figura dos aloxamentos compartidos, en
canto á súa composición e características, a través dunha modificación da Lei
de Vivenda. A conselleira destacou que se busca seguir a incrementar o parque
público residencial con propostas máis alá do piso convencional que equiilibran
a autonomía individual e a vida compartida e permiten atender as novas
modalidades de convivencia.
Allegue destacou tamén a modificación normativa que permitirá
construción de vivenda protexida e aloxamentos compartidos en solos dotacionais
en desuso, que permitirá axilizar a construción e rexenerar espazos urbanos ao
mobilizar patrimonio público ou privado cun fin social, subliñando que todas as
vivendas que resulten terán cualificación pública permanente. Estes solos
públicos ou privados en desuso poderán destinarse a partir do 2026 a construír
vivendas ou aloxamentos promovidos pola Xunta ou promotores do sector, sen
necesidade de modificar o planeamento urbanístico.
Outra das modificacións permitirá incrementar a edificabilidade en
solos urbanizables, sempre que se garante que o 60% será para vivenda
protexida. A conselleira destacou que a medida buscar dar facilidades para que
resulte máis atractivo construír vivenda protexida e neste eido subliñou tamén
que se continuará coa liñas axudas para que promotores e cooperativistas
impulsen este tipo de vivenda
Desenvolvemento de solo
Ademais da colaboración do sector privado, a conselleira quixo
poñer en valor a cooperación cos concellos en materia de cesión de solo para
construír vivenda pública. Sinalou que xa hai 850 novos fogares en marcha tras
os acordos alcanzados cos municipios de Teo, A Estrada, Lalín, Lugo,
Pontevedra, A Coruña, Ames, Vilagarcía, Carballo, Narón e San Cibrao das Viñas
E neste marco de colaboración, Allegue adiantou que a partir do
vindeiro 1 de xaneiro os concellos poderán promover e desenvolver Proxectos de
Interese Autonómico para a creación de solo destinado ao menos nun 80% á
construción de vivenda protexida.
A Xunta seguirá avanzando na Estratexia de Desenvolvemento de Solo
Residencial, para a que se prevé unha dotación de 18 M€. Están tramitados
Proxectos de Interese Autonómico para 9 ámbitos en Vigo, A Coruña, Santiago,
Lugo, Pontevedra, Arteixo e Vilagarcía de Arousa e comezou a tramitación dun en
Marín.
