O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou onte que o cupo que esixen os independentistas suporía que “Galicia deixase de ingresar o equivalente ao custo de dous anos das diferentes prestacións relacionadas coa dependencia”, segundo un informe sobre as repercusións que este acordo bilateral tería para a Comunidade galega presentado no Consello da Xunta. Rueda apuntou que este documento “constata que a situación pon en perigo a prestación dos servizos básicos en Galicia”.
Os cálculos
realizados tanto pola Consellería de Facenda e Administración Pública como por
organismos independentes como Fedea ou o Foro Económico de Galicia coinciden en
que o impacto da saída de Cataluña do actual sistema de financiamento suporía
para a Comunidade galega unha perda de recursos de máis de 600 M€ anuais, “o
mesmo que os orzamentos das consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e
Economía e Industria xuntas”, puxo como exemplo Rueda.
E, de estenderse o
modelo ao resto das CC.AA., a perda de recursos superaría os 2.000 M€. Este
custo sería “equivalente a todo o gasto en ensino público non universitario ao
longo dun curso” ou “o que se destina ás receitas sanitarias durante dous
anos”.
O Acordo Bilateral de
Financiamento Singular para Cataluña constitúe polas súas características un
auténtico sistema de cupo que racha cos sistemas de financiamento establecidos
ata a actualidade, copiando o sistema de concerto vasco no que cada Comunidade
recada todos os tributos pagados no seu territorio e achega ao Estado central
unha parte en concepto de custe dos servizos prestados nela pola Administración
central, o cupo. A Administración central perdería as súas capacidades de
redistribuír os recursos tributarios garantindo un reparto equitativo entre os
territorios, supoñendo un custo económico similar ao custo de cinco anos de
transporte escolar.
A implantación deste
novo modelo –pactado de xeito bilateral entre o Goberno de España e a
Generalitat de Cataluña- racharía co actual, no que toda a cidadanía, con independencia
do lugar no que resida, ten dereito a recibir o mesmo financiamento por
habitante axustado, o que garante uns servizos públicos básicos que en Galicia
se verían ameazados. O acordo alcanzado con Cataluña, lonxe de asegurar a
solidariedade e igualdade do conxunto da poboación, implica mudar un sistema de
financiamento baseado nas necesidades de gasto, por outro que xira en torno á
capacidade recadatoria.
O informe incide en
que a aplicación da nova proposta sería prexudicial para a maioría das CC.AA.,
e daría lugar a un sistema de financiamento autonómico no que os cidadáns das
rexións con máis capacidade fiscal terían mellores servizos que os das rexións
con menor capacidade tributaria. Polo tanto, xeraría, segundo apuntou Rueda, un
país con “cidadáns de primeira e cidadáns de segunda”.
A proposta contida no acordo racha cos principios de igualdade, suficiencia, solidariedade e corresponsabilidade que garante a Leí Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas (LOFCA), e suporía a fragmentación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), o que pon en risco tanto a xestión tributaria como a persecución da fraude fiscal, como denunciaron de forma reiterada as asociacións de inspectores de Facenda.
A Xunta leva anos defendendo que o
actual modelo de financiamento autonómico está superado e non se axusta ás
necesidades de gasto da Comunidade galega, e sostén que a reforma do sistema de
financiamento autonómico (SFA) ten que negociarse con todas as Comunidades
Autónomas, no marco do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). Isto
permitirá que a negociación se realice en condicións de igualdade. O Goberno
galego seguirá reclamando un financiamento suficiente e equitativo en todos os
foros que sexa preciso, por iso promoveu hai oito anos a Declaración de
Santiago, cuxos principios foron ratificados o pasado venres nunha declaración
conxunta en Mérida que asinaron o presidente galego, Alfonso Rueda, e a
presidenta estremeña, María Guardiola.