lunes, 21 de julio de 2025

Rueda expresa a súa preocupación ante o posible recorte de fondos de cohesión, agrícolas e pesqueiros para Galicia na proposta de MFP 2028-2034


O Consello da Xunta deu conta na xuntanza de hoxe do informe presentado pola Fundación Galicia Europa en relación coa proposta da Comisión Europea sobre o novo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 (MFP). Alfonso Rueda expresou a súa preocupación ante o recorte e a eliminación da estrutura diferenciada que tiña ata agora a xestión dos fondos europeos destinados ao sector primario, “uns fondos claves para manter, modernizar e facer máis sostibles as explotacións”, e advertiu do impacto negativo que estes axustes poderían ter en sectores estratéxicos como a pesca, o medio rural e a industria agroalimentaria.

A Xunta remarca a súa postura á hora de poñer en valor o papel de Galicia na defensa da posición das rexións para deseñar e executar estes fondos. Así, incide en que seguirá traballando para que o Goberno central traslade ao Consello da Unión Europea a súa preocupación polo futuro da cohesión, xa que Galicia “vén sendo un exemplo de xestión responsable e eficiente do financiamento destinado ás políticas de cohesión”. Por parte das Consellerías do Medio Rural e do Mar xa se solicitou a semana pasada ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a celebración dunha Conferencia Sectorial urxente e presencial e, ao mesmo tempo, convocarase unha reunión con axentes do sector primario para abordar estas cuestións e facer fronte común diante desta proposta que é lesiva para os profesionais do sector agrogandeiro e pesqueiro.

En primeiro lugar, Medio Rural lamenta a desaparición da arquitectura tradicional da Política Agraria Común (PAC), ata agora cun fondo independente baseado en dous piares: as axudas directas (fondo Feaga) e os programas de desenvolvemento rural (fondo Feader), “co que se cofinancian as axudas para promover a incorporación de mozos ao agro ou a instalación de actividades non específicamente agrícolas no rural", como salientou o presidente. Coa reforma todo pasará a integrarse nun único fondo no que tamén entran outros ámbitos como asuntos sociais, defensa, migración, medio ambiente ou pesca. Neste fondo xeral bloquearanse unicamente algunhas medidas da PAC, pero a distribución das partidas entre as diferentes intervencións dependerá de cada Estado membro, o que afecta especialmente aos fondos que ata o de agora estaban blindados no segundo piar a través do Feader.

En segundo lugar, rexéitase tamén o recorte da dotación económica da nova PAC, que inicialmente supera o 20%, pero que será máis debido a que tamén se incrementa o cofinanciamento estatal e autonómico nalgunhas accións. Segundo os cálculos iniciais, suporá unha redución aproximada de 80 millóns de euros anuais para o rural galego, o que implica 480 millóns menos no período, deixando especialmente mermado o orzamento para o desenvolvemento rural. A PAC é un dos mecanismos máis importantes que se xestionan desde as comunidades autónomas e que permite garantir e manter a actividade dos gandeiros e agricultores. Ademais, sen este recurso de apoio directo ao sector, os prezos dos produtos agroalimentarios serían moito máis elevados e repercutiría de xeito negativo no consumidor.

Pola súa banda, a Consellería do Mar considera imprescindible e irrenunciable contar cun fondo propio e específico para a política pesqueira coa dotación suficiente para que o sector poida afrontar os desafíos actuais, máxime cando Galicia é a principal potencia pesqueira da Unión Europea. Por este motivo, desde este departamento tamén se pide unha maior rexionalización no deseño e execución destes recursos económicos, ao seren decisivos para a competitividade e a sostibilidade da cadea mar-industria, cuxa facturación se eleva aos 11.600 millóns de euros e xera máis de 50.000 empregos directos.

En definitiva, Rueda salientou que urxen ao Ministerio a convocatoria da citada Conferencia Sectorial na que analizar a situación e establecer unha estratexia conxunta en defensa da agricultura e da pesca e o seu futuro, que non elimine unha partida específica para ambos sectores e priorice a participación da Administración autonómica na xestión e distribución do vindeiro Fondo.

Oposición á centralización 

O Goberno galego reitera a súa oposición a unha centralización da política de cohesión: “Volver a centralizalo nos Estados é un paso atrás que as diferentes rexións de Europa estamos poñendo de manifesto e que confiamos que non se consume”, remarcou o presidente. Nese contexto, salienta que se tiveran en conta as aportacións das rexións no documento do novo Marco Financeiro Plurianual (2028-2034) da Comisión Europea, que propón a creación da figura dos Plans de Asociación Nacionais e Rexionais, aínda que deixa en mans dos gobernos centrais o seu desenvolvemento. A Xunta, polo tanto, vixiará o seu cumprimento e esixirá ao Goberno de España a cogobernanza en todo o que afecta ás rexións na xestión dos fondos.

Así mesmo, Rueda recordou que esta é unha primeira proposta da Comisión Europea, que ten como obxectivo simplificar os procedementos para a xestión dos fondos e que está suxeita a un debate profundo sobre o modelo exposto: “Esperamos que a Comisión Europea recapacite e teña en conta todo o que lles estamos dicindo”, apuntou o presidente. Con todo, salienta a oportunidade que presentan programas como Horizonte Europa, que impulsan as políticas de innovación e competitividade, nos que Galicia amosou unha participación crecente e con bos resultados, que se ven beneficiados na nova proposta de orzamentos. O novo Fondo de Competitividade, que favorece sectores nos que tamén destaca a nosa comunidade, como as tecnoloxías dixitais e a intelixencia artificial, a defensa e o espazo, a transición limpa e a descarbonización industrial ou a saúde, biotecnoloxía e bioeconomía, tamén son valorados positivamente.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como presidente da Delegación Española no Comité Europeo das Rexións, vén amosando de forma constante a súa preocupación sobre o futuro dos orzamentos da Unión Europea. Neste ano viaxou en varias ocasións a Bruxelas para reunirse co vicepresidente executivo de Cohesión e Reformas, Raffaele Fitto. Nestas xuntanzas, o titular do Executivo galego entregoulle persoalmente o documento que recolle a posición común de todas as comunidades autónomas en relación co futuro do financiamento europeo, que reflicte o parecer colectivo de todas as rexións españolas de que os orzamentos destinados á cohesión deberían seguir sendo xestionados polos gobernos rexionais para asegurar a consecución dos seus obxectivos.