jueves, 17 de julio de 2025

A resolución da Comisión Europea é unha excelente oportunidade para que o Goberno central actúe, sexa valente e responsable e rescate a concesión da Autoestrada do Atlántico AP-9



Como informaba na anterior entrada deste Blog, a Comisión Europea decidiu hoxe 17 de xullo emitir un ditame motivado no que solicita a España [INFR(2021)4052] que respecte as normas da UE en materia de contratación pública, en particular con respecto aos contratos de concesión.

Non coñecemos o contido do ditame motivado, pero na nota informativa difundida pola Representación en España da Comisión Europea dise que “España ampliou a duración das concesións das autoestradas AP-9 e AP-66 a vinte e cinco e vinte e nove anos, respectivamente, e máis adiante vendeu as dúas empresas concesionarias sen iniciar procedementos de licitación previos nin publicar un anuncio a escala da UE”

En relación con esta nova, desde A Xunta de Galicia e desde o Partido Popular reaccionamos con esta primeira valoración:

A resolución da Comisión Europea é unha excelente oportunidade para que o Goberno central actúe, sexa valente e responsable e rescate a concesión da Autoestrada do Atlántico.

A Xunta de Galicia adiantouse, fixo as contas deste rescate e remitiullas ao Goberno central: custaría 2.400 millóns de euros, aproximadamente o mesmo do que se está transferindo á empresa concesionaria para financiar as bonificacións en vigor ata o final da concesión

O rescate da concesión eliminaría as incertezas polo resultado do procedemento aberto pola Unión Europea e que lles aforraría cartos tanto aos contribuíntes como, moi especialmente, aos milleiros de persoas que cada día pagan as peaxes da AP-9.

Galicia marcou o ano pasado o camiño a seguir co rescate de catro autoestradas con peaxes en sombra: se hai vontade política, recuperar a Autoestrada do Atlántico é posible. Tamén está o precedente da actuación de Italia coa autoestrada A-12 Livorno- Civitavecchia, cun expediente da Comisión Europea moi semellante a este.

O Goberno de España manexou este expediente con extrema opacidade. Os cidadáns non coñecen aínda nin o seu contido nin as alegacións que se presentaron durante o proceso. É imprescindible que corrixan o rumbo e comecen a ser transparentes cunha cuestión clave para os intereses de Galicia e a súa vertebración territorial.

Volveremos solicitar, como xa fixemos ata en catro ocasións, unha reunión co ministro de Transportes para abordar o futuro da Autoestrada do Atlántico. Nesa reunión tamén se insistirá na necesidade de transferir —xunto cos recursos necesarios— a titularidade da AP-9 a Galicia, decisión bloqueada ata en 53 ocasións polo PSOE no Congreso dos Deputados desde que Pedro Sánchez é presidente.

Non é o primeiro revés que recibe o Goberno pola súa xestión da AP-9. Neste mesmo ano a Xustiza xa tumbou o seu intento de que a Xunta tivese que pagar a metade da factura das peaxes en sombra de Rande e A Barcala”.