A Medalla de Galicia é a máxima distinción de honra que concede a Xunta a persoas ou institucións que polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da súa realidade social, cultural ou económica, sexan dignas de obter o recoñecemento do pobo galego.
Este foi o discurso do presidente Alfonso Rueda:
“As campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral: anuncian unha festa étnica que ten por altar a terra nai. Así dá comezo a Festa Maior de Galicia, a festa de todos os galegos”. Neste Ano Castelao, no que rendemos tributo á vida e a obra do noso rianxeiro universal, creo que non existe mellor maneira de entregar estas medallas que collendo prestado —como eu acabo de facer— o seu discurso seguramente máis célebre. Na súa Alba de Gloria, que pronunciou Castelao en Bos Aires nun día de Santiago de hai hoxe 77 anos, mañá, Castelao resumiu á perfección o espírito do Día de Galicia.
A nosa terra interpreta desde hai décadas a súa identidade cunha partitura propia, unha partitura que combina o arraigo do autóctono cunha marcada vocación universal. E neste 2025, a nosa distinción máis elevada, as Medallas de Ouro de Galicia, serven como homenaxe a esa dobre condición.
Hai dez días, entregámoslle a medalla de Galicia á Princesa de Asturias, herdeira do trono de España e tamén do título de raíña de Galicia. A Coroa encarna, para a maioría dos galegos, a continuidade histórica do país ao que tantos galegos, ao longo de tantos séculos, serviron, serven e axudan a engrandecer.
E hoxe outorgamos esta distinción a dous alcaldes da nosa terra irmá, Portugal: o alcalde de Braga, Ricardo Río; e o alcalde do Porto, Rui Moreira. Son os máximos mandatarios das dúas cidades nas que probablemente se vexan máis reflexados —hai moitas, pero nestas especialmente— a inmensa maioría dos galegos. Porque nin galegos nin portugueses sentimos xamais que, o que nos separaba, fose unha barreira infranqueable, en ningún caso e en ningún momento senón máis ben, como moito, un avatar da Historia, avalado pola xeografía. E de aí que para nós nunca houbera unha fronteira; como moito o que había era unha Raia.
As medallas para Súa Alteza Real a Princesa Leonor e para os alcaldes de Braga e do Porto representan esa Galicia baseada, respectuosa das institucións e da tradición, pero coa vista sempre posta no mundo que nos rodea e nas incontables oportunidades que todos os días ofrece.
Nesta época convulsa, na que sobra polarización e se bota en falta cada vez máis xenerosidade, unidade e altura de miras, Galicia emerxe e ten que seguir emerxendo como unha illa de estabilidade no medio deste océano tremendo de incertezas. Apuntalar esta actitude serea e responsable, cando maior é a convulsión internacional, é unha tarefa que toca a todos, pero moi especialmente aos que exercen, exercemos responsabilidades públicas. Por cada desacordo que se poida solucionar dialogando ou cada interese egoísta ao que se renuncie en favor do ben común, teremos achegado o noso gran de area para facer, desde este recuncho fronte ao Atlántico, unha Galicia mellor, un Portugal mellor, unha España mellor e un mundo mellor.
Tanto España como Portugal sufrimos nos últimos anos as tempestades da inestabilidade ou do descrédito que sofre a política. Cando as certezas e a seguridade deixan paso a escándalos ou simplemente a política do regate curto que a ningún lado leva, créase un terreo fértil para os extremismos. Eses extremismos que prometen unha Arcadia feliz na que aos propios lles pertence todo e aos alleos non lles corresponde, non nos corresponde nada.
Quen solicita a confianza da xente baseándose na división e na polarización como únicos argumentos e como principais ferramentas é porque sabe que nunca van merecer a confianza dun pobo unido, esperanzado e sabio. Eu creo que a mellor vacina contra os extremismos é a política que aposta pola seriedade na xestión, por solucionar problemas en vez de crealos, pola busca dun propósito compartido. Esa boa política é a que encarnan, sen ningunha dúbida, Ricardo Rio e Rui Moreira. Nin buscan nin necesitan fracturar Braga e Porto. A división é o oposto da fortaleza e eles durante moitos anos dirixiron cidades fortes, optimistas e ambiciosas.
Durante este tempo, ambos os dous serviron aos seus cidadáns e os serviron con lealdade, con entrega e cunha xestión cuxos éxitos non necesito glosar aquí. Saltan á vista de calquera visitante galego, e somos moitos miles os que visitamos as súas cidades. E cando as visitamos somos testemuñas de primeira man da impresionante evolución en positivo que viviron nestes últimos anos as dúas cidades.
As galegas e galegos sentimos tan próximo o Norte de Portugal que, sinceramente, nos enorgullecemos cando os visitamos e vemos eses logros que moitas veces sentimos como propios, dunha terra común. Para nós, Portugal e as relacións cos nosos irmáns portugueses son e teñen que ser unha prioridade constante e permanente porque é moitísimo máis o que nos une que o que nos separa. Únenos unha lingua que se ramifica en dúas, o galego e o portugués, que nos ofrecen a posibilidade de ser bilingües de xeito case natural; para entendernos, para falar entre nós nunca nos van facer falla pinganillos.
Galicia é membro observador na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa e cada vez son máis as pontes que se tenden para achegarnos á lusofonía, coas enormes vantaxes que isto supón xa desde o sistema educativo. E únennos tamén unhas relacións económicas e laborais que desde hai xeracións se viven cunha enorme potencia. Centos, milleiros de traballadores e empresarios e autónomos crean prosperidade cada día a un e outro lado da Raia sen, moitísimas veces, nin sequera percibir, ser conscientes de que, en realidade, están cambiando de país. E únennos unhas estruturas políticas que facilitan a cooperación, como a Eurorrexión que teño a honra de presidir desde hai uns meses.
O desafío que se presenta agora ante nós ten que ser que todos estes foros de cooperación que existen se convertan cada vez máis nun marco de traballo real, frutífero, eficaz que teña efectos directos na vida cotiá e que os cidadáns poidan percibilos, valoralos e desexar que permanezan e se engrandezan.
Nun mundo fracturado, galegos e portugueses temos que seguir apostando pola unión. Por esa unión especial que, efectivamente, non se da, ás veces non se da en absoluto e desde logo non se da coa mesma intensidade, practicamente en ningún outro lugar de Europa. Parafraseando un dito popular que todos coñecemos, mentres cada un vai ao seu, nós temos que ir ao noso, ao dos dous, que é moitísimo.
E polo tanto é imprescindible acelerar aínda máis esa coordinación estratéxica entre Galicia e o Norte de Portugal. É moito maior a recompensa que podemos acadar se avanzamos da man que se o facemos desde a rivalidade. Os nosos territorios agochan un enorme potencial que pouco a pouco iremos descubrindo aínda máis e que podemos, sen dúbida, multiplicar se somos intelixentes e leais entre nós. Desde Leixões ata Ferrol, contamos cuns portos excepcionais que son o enlace natural con moitos lugares de Europa e desde logo con América. Cada un coas súas especialidades, coas súas especificidades, pero por suposto que podemos traballar conxuntamente. E por iso é tan necesario avanzar nun Corredor Atlántico Ferroviario que os conecte entre eles e que permita aproveitar as inmensas oportunidades que esa conexión e esa coordinación pode ofrecer.
Tamén para favorecer a mobilidade de pasaxeiros, é imprescindible percibir por parte do Goberno de noso país, do Goberno de España, o interese e entusiasmo pola conexión de Alta Velocidade entre Vigo e Porto que alomenos iguale a que percibimos desde o Goberno de Portugal. E a trintena de quilómetros que separa Vigo do Miño é unha distancia complicada pero facilmente salvable se existe vontade política, vontade para vertebrar o territorio e para diluír, facer que esa fronteira sexa cada vez menos fronteira. Creo que é unha oportunidade que non podemos, que non debemos deixar pasar. A alta velocidade e o Corredor Atlántico non poden ser nunca palabras ocas que se plasmen ano a ano en declaracións, en cimeiras, en documentos... iso está ben, pero deben plasmarse tamén en avances concretos: en destinacións orzamentarias, en execución de infraestruturas, que van significar sen ningunha dúbida máis prosperidade a ambos os dous lados da Raia.
E é necesario tamén intensificar a colaboración que xa mantemos en infinidade de ámbitos. Facela moito máis presente: desde a Sanidade, a Educación, a investigación, as infraestruturas de menor calado, o tecido empresarial, as Universidades, a protección civil, a protección do medio ambiente... Son moitas as caras e posibilidades que ofrece a cooperación transfronteiriza.
E por iso a concesión destas Medallas encaixa á perfección con estes 40 anos de integración dos nosos países na Unión Europea que hai pouco tempo celebraramos en Bruselas; recordo que estaba Ricardo Rio presente. A filosofía é a mesma: a unidade tradúcese sempre en progreso. A unidade real, en progreso real e efectivo, sen ningunha dúbida. A transformación nestas catro décadas en Galicia e o Norte de Portugal, a transformación destes 51.000 quilómetros cadrados e 6,3 millóns de persoas, constitúen un dos máis evidentes casos de éxito que ofrece o Vello Continente nestas derradeiras catro décadas.
Por iso confiamos en que o novo rumbo que adopte Europa siga premiando e siga impulsando o desenvolvemento, a cohesión e a coordinación real, sincera e leal entre territorios. Esa é a filosofía que nos fixo grandes e que nos vai permitir seguir avanzando no, evidentemente, incerto escenario internacional. E por iso as tendencias recentralizadoras que estamos advertindo e constatando en Europa non poden limitar a enorme capacidade que temos os territorios para xestionar e decidir o mellor e máis eficaz destino dos fondos europeos. E a mostra é a utilización nestes últimos corenta años.
Despois de moito tempo de costas, Galicia e Portugal compartimos desde hai uns cantos anos o empeño de cultivar e reforzar os nosos vínculos. Así o demostran moitas persoas, e excepcionalmente os galardoados de hoxe: Ricardo Rio e Rui Moreira. Ambos os dous rematan unha exemplar e admirable etapa da súa vida pública e política. Ogallá, e o digo con toda a sinceridade, só sexa un punto e seguido; todos sairemos gañando. Estou seguro de que, sexa cal sexa o seu próximo destino (evidentemente é unha decisión que lles corresponde), seguirán tendo moi presente o afecto e o recoñecemento que lles profesamos unha inmensa maioría de galegos.
Ricardo e Rui son membros xa de pleno dereito do que Castelao chamou “a Santa Compaña dos Inmortaes”. Son tamén integrantes de pleno dereito dun grupo moi selecto, reducido, grupo dos 'Bos e xenerosos', do cal Galicia sente un lexítimo orgullo.
Un pouco de Portugal estivo, está e estará sempre en Galicia. E eu confío en que un pouco de Galicia estea, gracias a eles, sempre en Portugal.
Moitísimas grazas e parabéns por recibir esta distinción.”