O PP reclama ao Goberno un plan de investimentos que asegure a carga de traballo e os empregos do taller de mantemento de locomotoras de Ourense
· Nunha iniciativa parlamentaria, os deputados no Congreso tamén preguntan ao Goberno se vai atender a demanda para crear en Galicia unha base de mantemento dos trens de alta velocidade.
· A eliminación do taller ourensán, advirte o deputado Celso Delgado, supoñería un novo agravio a Galicia debilitando aínda máis a infraestrutura ferroviaria da comunidade, que acumula proxectos e investimentos pendentes.
11, xuño, 2025. Os deputados do Partido Popular pola provincia de Ourense, Ana Vázquez, Celso Delgado e Rosa Quintana, rexistraron no Congreso unha pregunta dirixida ao Goberno na que reclaman tanto ao Ministerio de Transportes como a Renfe un plan de investimentos que garanta a carga de traballo e os empregos do taller de mantemento de locomotoras situado en Ourense. Unha iniciativa, asinada a principios de xuño, na que tamén piden ao Executivo central que se pronuncie sobre a proposta da Xunta de Galicia para crear na comunidade galea unha base de mantemento dos trens de alta velocidade.
A interpelación parlamentaria, sinala o deputado Celso Delgado, ten como punto de partida a publicación, o pasado 12 de maio, dun anuncio da Dirección Xeral de Renfe Mercadorías polo que se licitaba un contrato de servizos dedicado ao mantemento durante cinco anos de 65 locomotoras da Serie 333.3.
Unha vez coñecida a decisión de Renfe, os deputados ourensáns comezaron a recoller toda a información sobre esta licitación e a súas posibles consecuencias. O contrato inclúe todo tipo de traballos preventivos, correctivos e de reparación de accidentes e vandalismos nas locomotoras, co fin de conseguir a debida seguridade e fiabilidade das máquinas, así como conservar a súa imaxe. Neste servizo de mantemento tamén figura a asistencia técnica en vía e telefónica ao maquinista.
A externalización destes traballos, subliña Celso Delgado, xerou unha gran preocupación entre os 32 traballadores do taller situado na estación de Ourense, que ven en risco os seus posto de traballo xa que esta dependencia encárgase actualmente do mantemento de máis dun terzo destas locomotoras.
Neste contexto, os representantes dos trabadores propuxeron crear unha base en Galicia para as revisións dos trens Avril, debido á saturación dos talleres de Fuencarral (Madrid), que nestes momentos fan o servizo de mantemento en Galicia.
Desde a Xunta de Galicia tamén se comparte a preocupación polo futuro dos tres talleres de RENFE situados en Galicia: Ourense, Redondela e Ferrol. A eliminación do taller ourensán, advirte o deputado, supoñería un novo agravio a Galicia debilitando aínda máis a infraestrutura ferroviaria da comunidade, que acumula proxectos e investimentos pendentes. Tamén a Xunta únese á demanda dunha base para o mantemento dos trens de alta velocidade Avril, que son os que operan en Galicia, co obxectivo de consolidar o emprego ferroviario na comunidade.
Así, os deputados ourensáns no Congreso formulan ao Goberno as seguintes preguntas:
Asegura o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e Renfe que a decisión de licitar un contrato de servizos dedicado ao mantemento durante cinco anos de 65 locomotoras da Serie 333.3. non reducirá a carga de traballo do Taller de Mantemento de Ourense?
Comprométese o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e Renfe a presentar un plan de investimentos e de asignación de traballos de mantemento que permita manter en mesmo aumentar a carga de traballo do Taller de Mantemento de Ourense?
Atenderá o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e Renfe a demanda de establecer na Comunidade Autónoma de Galicia unha base de mantemento dos trens de alta velocidade?"