lunes, 11 de mayo de 2026

Rueda informa que a Xunta habilitará case 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial (11,7) na comunidade ata 2030, deles máis de 2,7 millóns en Ourense


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello deu hoxe o visto e prace a habilitar case “12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial (11,7) na comunidade ata 2030”, a través dunha trintena de actuacións ás que se destinan “máis de 440 millóns de euros” e que se centrarán “nas zonas con alta demanda”. O obxectivo é dispoñer dunha oferta de solo máis competitiva, equilibrada e adaptada ás necesidades do tecido produtivo, así como de favorecer a captación de novos investimentos. 

Así se desprende dun informe analizado hoxe na reunión do Consello da Xunta sobre o desenvolvemento de solo empresarial en Galicia e medidas adoptadas pola Xunta para dinamizar a súa comercialización e favorecer a implantación de novas nos próximos anos.  O documento reflicte a nova política de solo empresarial deseñada polo Goberno galego que pasa a concibirse como unha política industrial activa e non só patrimonial, para o que a Xunta adapta a comercialización do solo á realidade de cada parque empresarial e ás necesidades das empresas. 

O novo modelo prioriza a ocupación efectiva das parcelas e a creación de actividade económica real, de maneira que o solo empresarial se integra coa planificación enerxética, loxística e industrial. Deste xeito, Galicia reforza a súa capacidade para captar proxectos industriais estratéxicos e facilitar ampliacións empresariais. 

Por provincias, 4,2 millóns de m2 se executarán na provincia da Coruña cun investimento estimado de 111,6 millóns de euros, 1,6 millóns de m2 en Lugo para os que se prevé destinar 68 millóns de euros, máis de 2,7 millóns en Ourense para os que están reservados 126,1 millóns de euros e arredor de 3,2 millóns de m2 en Pontevedra, que contan cun orzamento de 138,6 millóns de euros. 

Nos últimos anos, a Xunta promoveu un total de 11.181.587,90 m2 distribuídos en 4.018 parcelas públicas, cifra que reflicte o esforzo público realizado para dotar Galicia de espazos destinados á actividade económica e industrial. Pero, na actualidade, Rueda lembrou que só están dispoñibles “unhas 350 parcelas”, razón pola que o Goberno galego pon en marcha esta nova estratexia de xeración e comercialización de solo baseada nunha dobre perspectiva: ben promovendo a planificación, tramitación e execución de solo onde hai demanda, potencial ou capacidade para acoller proxectos tractores, ou ben impulsando a posta no mercado do solo xa dispoñible mediante prezos bonificados, fórmulas de acceso adaptadas ás necesidades das empresas e procedementos que permitan responder con maior axilidade á demanda real.  

Deste modo, Xestur, dependente da Consellería de Economía e industria, está a impulsar unha trintena de actuacións que están en distintos graos de desenvolvemento: desde a tramitación de novos plans estruturantes de ordenación de solo empresarial (Peose), ata proxectos en tramitación, obras xa licitadas, en execución, ou xa rematadas pero pendentes de recepción. Tanto polo número de actuacións como pola superficie incorporada, a carteira actual inclúe ámbitos xa moi avanzados, que permitirán poñer solo á disposición das empresas en curto prazo, e tamén actuacións de maior percorrido temporal, necesarias para asegurar a dispoñibilidade de solo empresarial no horizonte 2026-2030.  

Así, Rueda explicou que ao longo deste ano prevese a posta á disposición de novo solo no “parque empresarial de Morás”, na localidade coruñesa de Arteixo; “no polígono de As Gándaras”, en Lugo, fases IV, V e VIIA e o “parque de Xinzo de Limia”, en Ourense. 

E entre 2026 e 2029 está previsto que comecen as obras de novas actuacións en ámbitos como Lalín, San Cibrao das Viñas, Carballo, A Estrada, Palas de Rei, Xove, Pereiro de Aguiar ou Poio-Fragamoreira, entre outros. 



Novas fórmulas de comercialización do solo 

Dentro da nova estratexia para facilitar a implantación de industrias e favorecer o crecemento das asentadas, a Xunta creou novos modelos de comercialización no marco do novo concurso público de venda e concesión de dereitos de superficie. 

Así, a Xunta poñía á disposición o pasado mes de abril un total de 357 parcelas, que suman cerca de 790.000 m², distribuídas polas catro provincias. A convocatoria, que remata o 20 de maio, inclúe sistemas de bonificacións que contemplan descontos de entre o 30 e o 50 %. Ademais, darase prioridade ás solicitudes de compra fronte ás de dereito de superficie e os adxudicatarios deberán concluír a edificación e obter a habilitación da actividade no prazo máximo de tres anos. 

A principal novidade deste sistema de acceso ao solo empresarial é a denominada oferta pública permanente, de maneira que as parcelas que no se vendan pasarán a estar ofertadas todo o ano. Esta modalidade aplicarase a terreos propiedade de Xestur   situados en parques empresariais con características específicas, diferenciando entre dous grandes grupos: por unha banda, parcelas localizadas en ámbitos nos que houbo procesos de venda ou interese empresarial; e, pola outra, as situadas en parques nos que non se rexistraron operacións nin demanda recente. 

A adxudicación directa é outra das novidades que incorpora o Goberno galego para incentivar a adquisición de parcelas. Faino no marco da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que permite a adxudicación directa de solo empresarial nos casos legalmente previstos, entre eles, os vinculados a proxectos empresariais singulares, proxectos industriais estratéxicos, parcelas que quedasen desertas en licitacións anteriores, operacións de permuta, transmisións a favor doutras entidades do sector público, compromisos recollidos en escritura pública ou necesidades xustificadas de expansión cara a parcelas lindeiras.