Hoxe celebramos o día das Letras Galegas no que se conmemorará a figura e a obra da escritora, xornalista e activista Begoña Caamaño, nada en Vigo en 1964.
Escribe Henrique Monteagudo, Presidente da Real Academia Galega que Caamaño "revelouse como narradora tardiamente, aos seus corenta e cinco anos, cunha novela, Circe ou o pracer do azul (2009), que abraiou o público e a crítica pola súa coruscante orixinalidade, a súa cativadora escrita e a súa sobranceira calidade literaria. Ata entón, a autora era recoñecida pola súa intensa carreira profesional como xornalista, especialmente nos medios radiofónicos e singularmente na Radio Galega, onde desenvolveu o seu labor desde 1989. Cidadá comprometida, o seu perfil viñera definido pola militancia sindical e a implicación no movemento feminista. Involucrada en diversas mobilizacións sociais, salientaba pola súa denuncia da manipulación informativa nos medios públicos.
A publicación de Circe ou o pracer do azul constituíu unha magnífica sorpresa, que se viu dobrada cando pouco máis tarde veu a lume a súa segunda novela, Morgana en Esmelle (2012). Se na primeira recrea desde a perspectiva de dúas mulleres —a maga Circe e a esposa de Ulises, Penélope— unha lenda transmitida pola Odisea, na segunda outorga o protagonismo á fada Morgana, personaxe do imaxinario céltico cun papel relevante na saga artúrica. Engaiolándonos con relatos tecidos nunha prosa tersa, intensa e delicada, a autora apréndenos a remirar as dúas historias cunha ollada feminina.
Escritora tardía, mais —talvez por iso— extraordinariamente madura xa na súa obra prima, o seu pasamento prematuro en 2014 tronzou unha carreira literaria fulgurante. A Real Academia Galega, ao dedicarlle o Día das Letras Galegas, réndelle un tributo debido e oportuno, que contribuirá á merecida difusión popular da súa exemplar traxectoria como periodista defensora da información veraz —en tempos en que a comunicación social está intoxicada pola divulgación de loias que espallan o odio, a intolerancia e a confusión— e da súa soberbia achega á literatura galega, pondo o foco na fundamental achega feminina ao seu pulo.
A voz e a luz de Begoña Caamaño tinxirán de azul o Día das Letras Galegas 2026".
Para o PP de G “o galego é patrimonio de todos e así debe seguir sendo”.
A Comisión de Cultura do PPdeG reuniuse o venres para celebrar as Letras Galegas dedicadas a Begoña Caamaño, no parque que leva o seu nome no barrio de Fontiñas de Santiago de Compostela. Os participantes fixeron fincapé na importancia da lingua galega como motor de “unión e cohesión da sociedade” e non “motivo de tensión e división”. Para os populares, “o galego é patrimonio de todos e así debe seguir sendo”.
A coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, e o secretario da Comisión de Cultura do partido, Valentín García, participaron neste acto de conmemoración do Día das Letras Galegas 2026, onde puxeron en valor o papel de Caamaño no xornalismo e na lingua galega, destacando que foi locutora de radio, redactora de noticias, opinadora, analista de información e novelista.
María Baleato, recoñeceu que a autora foi unha persoa “comprometida coa época que lle tocou vivir e coas loitas sociais”, como o feminismo e a defensa da propia lingua. Tamén no acto, Valentín García, fixo un percorrido polo xornalismo e as novelas da autora e referiuse a Caamaño como unha autora que non se conformou coa ausencia das mulleres na literatura, senón que as situou no centro do relato, recuperando tamén figuras mitolóxicas dos clásicos.