A directora da Axencia Galega de
Infraestruturas (AXI), María Deza, destacou hoxe na súa intervención a petición
propia na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia a aposta “decidida e sostida” da
Xunta pola conservación e mantemento da rede autonómica de Estradas de Galicia,
cun investimento récord de máis de 71,5 M€ nos Orzamentos de 2026.
Na súa intervención, Deza
salientou que se trata do maior investimento da historia da Xunta en materia de
conservación e mantemento viario, reforzando así un modelo baseado na
planificación, a seguridade viaria e a mobilidade segura en todo o territorio
galego. Aquí a directora da AXI lembrou que Galicia conta cunha rede autonómica
de preto de 5.500 quilómetros, polo que a conservación constitúe “unha
prioridade estratéxica” para garantir a conectividade, a competitividade
económica e a cohesión territorial.
Máis recursos: conservación ordinaria, vialidade invernal e
reforzos de firme
María Deza explicou que a Xunta
incrementou significativamente as partidas destinadas á conservación ordinaria
e á vialidade invernal, así como ao Plan de reforzos de firme, que contará este
ano con 27 M€.
Neste sentido, sinalou que o
Executivo galego ten en marcha contratos de conservación ordinaria e vialidade
invernal nas sete áreas nas que se divide a rede autonómica —A Coruña norte, A
Coruña sur, Lugo norte, Lugo sur, Ourense, Pontevedra norte e Pontevedra sur—
cun investimento global superior aos 175 M€ para os próximos catro anos.
Entre os traballos que se
desenvolven inclúense labores de limpeza e roza, reparacións de firme,
mantemento da sinalización horizontal e vertical, atención a incidencias e
accidentes, retirada de obstáculos e actuacións específicas para garantir a
vialidade durante episodios meteorolóxicos adversos.
Preto de 54 M€ en reforzos de firme nas catro provincias
A directora da AXI detallou
tamén as actuacións de reforzo de firme actualmente en execución ou próximas a
iniciarse nas catro provincias galegas, cun investimento total de preto de 54
M€.
Na provincia de Pontevedra están
en marcha obras en numerosos concellos, entre eles Bueu, Cangas, Pontevedra, A
Guarda, Oia, O Rosal, Mondariz, As Neves ou Vilagarcía, ademais de novas
actuacións previstas en Agolada e A Estrada e outras xa licitadas en municipios
como Vigo, Redondela, Lalín ou Rodeiro.
Na Coruña, avanzan os reforzos
de firme en sete estradas autonómicas e a rehabilitación integral da AG-11, ao
tempo que se iniciarán novas obras en vías dos concellos de Lousame, Noia,
Ames, Boqueixón, Teo e Santiago.
En Ourense continúan actuacións
de conservación urbana na cidade e iniciaranse nas próximas semanas obras en
seis estradas autonómicas ao seu paso por concellos como Maceda, Allariz ou San
Cibrao das Viñas.
No caso de Lugo, executaranse reforzos de firme en estradas autonómicas que atravesan municipios como Lugo, Castro de Rei, Vilalba, Monforte de Lemos, Sarria ou Portomarín.
Máis de 13 M€ para conservación de pontes e obras de paso
María Deza puxo en valor o
sistema de xestión de pontes e obras de paso desenvolvido pola AXI como
ferramenta “clave para priorizar actuacións e garantir a seguridade
estrutural”.
A Xunta destina máis de 13 M€ á
inspección e conservación destas infraestruturas durante os próximos catro
anos, a través de dous contratos centrados na inspección, redacción de
proxectos e execución das actuacións necesarias.
Os traballos inclúen
substitución de xuntas de dilatación, reparación de sistemas de drenaxe e
contención, limpeza de paramentos ou reparación de fisuras e gretas.
Ademais, a Consellería de
Vivenda e Planificación de Infraestruturas investirá este ano preto de 900.000
euros na conservación de muros e noiros da rede autonómica, dentro da
estratexia impulsada para mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático.
Plan de Vialidade Invernal
Durante a súa intervención, a
directora da AXI lembrou tamén que a Xunta mantén operativo o Plan de Vialidade
Invernal entre o 1 de novembro e o 30 de abril, co obxectivo de minimizar
restricións ao tráfico e garantir a seguridade viaria ante episodios de
choivas, xeadas ou neve.
O operativo inclúe medidas
preventivas e correctivas, así como protocolos de coordinación cos servizos de
emerxencias, a Garda Civil e a Dirección Xeral de Tráfico para asegurar unha
resposta rápida ante incidencias.
