sábado, 18 de abril de 2026

Vendo o imponente Monumento da Virxe da Rocha en Baiona cunhas vistas espectaculares do Atlántico e das illas Cíes


 
Acudo hoxe ao alto da vila de Baiona para visitar unha vez máis a Virxe da Rocha, unha escultura monumental rodeada dunha contorna natural privilexiada que domina a baía e ofrece unhas vistas espectaculares do Atlántico, do Cabo Silleiro da vila de Erizana e das illas Cíes.

Este monumento foi construído en granito sobre as rocas do monte Sansón polo gran arquitecto porriñés Antonio Palacios, autor de edificios e arquitecturas salientables de estilo modernista, como o Palacio de Comunicacións ou na Sede do Instituto Cervantes de Madrid

No proxecto orixinal (que xorde por iniciativa do empresario Laureano Salgado) a obra funcionaba como faro, pois a Virxe portaba na súa man estendida un farol eléctrico. A súa función efectiva, ademais de honrar á Virxe do Carmen, terminou sendo a de simbolizar a chegada da electricidade á Vila de Baiona, así como a particularidade de ser este lugar o primeiro punto da península en que se tivo noticia do descubrimento de América.

A obra foi inaugurada no ano 1930, ten 15 metros de altura e representa á Virxe sostendo na súa man dereita unha barca-miradoiro á que se accede por unha escaleira interior de caracol realizada en pedra. A cara e as mans da Virxe son de mármore branco, obra de Ángel García, e a súa coroa foi construída en porcelana.