Esta mañá desde o PP de G difundimos esta nota de prensa:
O PPdeG critica que Pedro Sánchez inicie o 2026 cun “novo castigo” a Galicia a través da “esaxeradamente inaceptable” suba das peaxes da AP-9
3 de
xaneiro de 2026. O PPdeG critica
que Pedro Sánchez optase por iniciar o novo ano 2026 cun “novo castigo” a
Galicia a través dunha suba das peaxes da AP-9 que consideran “esaxeradamente
inaceptable” na medida en que non só penaliza aos seus usuarios, senón que
afonda aínda máis no agravio comparativo que sofre esta autoestrada respecto a
outras.
Refírense así ao feito
de que a Autoestrada do Atlántico inicia este 2026 cunha suba das súas peaxes
que acada o 5% e consolidándose, ademais, como “a máis cara de España”. Ao que
se engade a suba experimentada tamén pola AP-53 entre Santiago e Lalín, cuxas
tarifas se incrementan este ano nun 3,6%.
Os populares galegos
culpan integramente desta situación ao Executivo que encabeza Pedro Sánchez na
medida en que “podería ter evitado esta situación” pero “decidiu que o 2026
tamén vai ser un ano de castigo a Galicia”. De feito, recordan que o pasado ano
se consolidou como “o ano do boicot” no relativo á transferencia da AP-9 a
Galicia, xa que en 2025 se acadaron as 60 prórrogas ao debate desta iniciativa
no Congreso desde que Sánchez chegou á Moncloa.
Aínda así, fan cómplices
da situación aos partidos que, na súa opinión, son xa as “sucursais do sanchismo en
Galicia”. Por unha banda, un PSdeG que “só por compracer ao seu líder
é capaz de dicir unha cousa e á contraria ao mesmo tempo”; e, por outra, un BNG
que “prefire seguir contando moedas para pagar as peaxes antes que retirarlle o
seu infrutuoso apoio a Sánchez”.
Poñen en valor, pola
contra, que o Goberno de Alfonso Rueda “si que ten sempre na súa
lista de desexos aos galegos” e que mostra disto é que vén de conxelar as peaxes
das autoestradas autonómicas AG-55 e AG-57, que “seguirán a ser das máis
baratas de España”.
