A Xunta conclúe o eixo de mobilidade peonil e ciclista que conecta
a cidade de Ourense de norte a sur, tras o investimento de 5,8M€. Allegue
explicou que o último treito no que se actuou comprendeu o tránsito polo paseo
da marxe do río Barbaña. Renovouse en 1,1 km o pavimento existente para
segregar o carril bici da zona de paso peonil entre Os Remedios e a praza de
Abastos.
A estrutura da pasarela proxéctase cun ancho útil de 5 metros, elevándose case dous metros sobre o terreo mediante pilotes. Nas zonas onde a senda non vai elevada, dispúxose unha base de 20 cm de saburra artificial rematada con 16 cm de pavimento de formigón, evitando invadir a zona inundable e respectando a cota do terreo actual. O deseño inclúe un ramal específico cara á zona de As Burgas e o centro histórico, con sinalización direccional e paneis informativos para o usuario.
Ademais deuse continuidade ao paseo na zona en que antes se interrompía, creando un novo treito entre a praza de Abastos e A Molinera. Neste último tramo tamén se mellorou cun novo cruce a avenida Pardo de Cela para facilitar a conexión da senda que chega pola Ponte Vella coa cidade.
A conselleira remarcou que a Xunta culmina así un itinerario de 4 quilómetros que atravesa a cidade, ao paso pola intermodal, o pavillón Paco Paz, a avenida das Caldas, a praza de abastos e o paseo do Barbaña. Sinalou que o percorrido une equipamentos e lugares de interese e conecta tamén coas Burgas e o centro histórico.
Puxo o acento nesta nova forma sostible que permite desprazarse por Ourense, por exemplo empregando a bicicleta para ir dende a intermodal ata Expourense en tan só 15 ou 20 minutos.
Cómpre lembrar que esta intervención forma parte da Estratexia de Mobilidade Sostible da Xunta, con sendas impulsadas polos fondos Next Generation nas cidades. O itinerario de Ourense súmase así ao xa estreado en Santiago, entre a intermodal a San Caetano.
María M. Allegue recordou que a Xunta tamén está a avanzar noutra senda para Ourense, no barrio de Reza, cuxas obras xa están licitadas por 1,5M€. Neste caso, trátase de 2,8km de itinerarios peonís.
O Goberno galego seguirá a dar pasos no eido das infraestruturas e
da vivenda en Ourense grazas aos Orzamentos autonómicos para 2026, que dedican
a estes ámbitos case 70M€ para a citada provincia.








