jueves, 6 de noviembre de 2025

A Xunta traslada a súa disposición a seguir colaborando cos concellos de Valdeorras e compartir a súa experiencia para evitar a chegada das cinzas dos incendios aos ríos

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantiveron hoxe un encontro con varios alcaldes da comarca de Valdeorras no que lle trasladaron a disposición da Xunta a seguir colaborando e compartindo a súa experiencia para evitar que as cinzas derivadas dos incendios do pasado verán cheguen aos ríos e ás redes de abastecemento municipais.

Os representantes da Xunta lembraron aos alcaldes de Petín, Vilamartín de Valdeorras e A Rúa que as competencias na xestión do dominio público hidráulico -as canles fluviais e os sistemas de abastecemento e saneamento de auga- na provincia de Ourense corresponden á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Confederación Hidrográfica do Douro. No caso concreto da comarca de Valdeorras, a responsabilidade é da Confederación Miño-Sil, á que a Xunta trasladou a súa vontade de colaboración desde o primeiro momento sen que o organismo dependente do Goberno central solicitase desde entón ningún tipo de axuda á Administración autonómica.

Os tres conselleiros, que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, salientaron que os distintos departamentos do Executivo galego comezaron a traballar de xeito inmediato para evitar o arrastre das cinzas ata os ríos coa chegada das choivas e que apoiaron a aqueles concellos que así o solicitaron.

Entre as cuestións expostas estivo o labor realizado por Augas de Galicia na contorna dos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa -os que son da súa competencia-, nos que habilitou barreiras anticontaminación -cordóns vexetais e barreiras de madeira nas ladeiras- para evitar que as cinzas dos lumes chegasen ás canles fluviais e, por tanto, ás captacións de auga destinada ao abastecemento da poboación. Son traballos que, no caso de Ourense, deberían facer as confederacións dentro do seu ámbito de influencia.

Por iso, co fin de coordinar posibles actuacións de futuro neste eido e optimizar os seus resultados, representantes autonómicos e rexedores acordaron celebrar proximamente unha nova reunión. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático comprometeuse a convidar a ese encontro ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil co obxectivo de incidir naquelas zonas máis sensibles.

Voluntariado

A maiores das actuacións do organismo de conca autonómico, lembraron que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, puxo en marcha un plan de voluntariado para a provincia de Ourense do que podían beneficiarse todos os municipios. De feito, a Xunta realizou unha rolda de chamadas aos concellos -reforzada co envío de correos electrónicos- para explicarlles a posibilidade de que sinalasen puntos e necesidades de actuación na súa zona de influencia para incluílas no programa de voluntariado.

Este plan -no que se integraron as peticións municipais e as doutros colectivos ou asociacións e que contaron co asesoramento de axentes medioambientais e técnicos do servizo de Patrimonio Natural- mobilizou a máis de 400 voluntarios que traballaron na creación de faixas protectoras nas zonas afectadas polos incendios dunha vintena de concellos da provincia de Ourense, incluídos algúns da comarca de Valdeorras.

Mulching para protexer o solo da erosión

Mentres, a Consellería do Medio Rural tamén está a realizar traballos de acolchado de palla (técnica coñecida como mulching) nas áreas máis críticas, identificadas en colaboración co CSIC, danadas polos lumes co fin de restaurar as zonas queimadas para protexer o solo da erosión e evitar escorreduras.

A previsión é actuar na meirande parte dos grandes incendios forestais de Ourense e os labores inclúen actuacións desde helicóptero (helimulching), para chegar ás zonas de difícil acceso. Neste sentido, a aeronave empregada con este fin ten a súa base no Barco de Valdeorras e centra a súa actividade na provincia ourensá.

A maiores destes traballos, o Executivo galego tamén despregou sobre o terreo brigadas específicas que serven de apoio ao helimulching, realizan mulching manual e tamén repasan os cortes de buldócer que se fixeron para conter os lumes, co obxectivo de mantelos limpos. En paralelo, estanse revisando pistas forestais danadas para comprobar o estado das cunetas e zonas de paso para mellorar a capacidade de evacuación das augas.

Apoio aos concellos para cubrir danos e gastos

No marco da xuntanza, anunciouse que os concellos afectados polo lume terán prioridade nas axudas enmarcadas nas distintas liñas de apoio ao eido local para actuacións e obras pendentes por problemas estruturais.

Os conselleiros lembraron ademais que a Xunta asinou convenios con 46 concellos por importe de 5 millóns de euros para paliar os danos en bens municipais e os gastos derivados das actuacións desenvolvidas para facer fronte ao lume. A meirande parte dos concellos beneficiarios son da provincia de Ourense, con 35. A maiores, tres son da Coruña, outros tres son de Lugo e cinco de Pontevedra.

Entre os gastos que se prevé cubrir figuran obras de reparación, mantemento ou reposición das infraestruturas, equipamentos ou bens municipais afectados polos incendios, así como de adquisición de material para a reposición dos servizos afectados. Estas axudas tamén cubrirán os custos de limpeza e restauración ambiental; ou de alugueiro, combustible e reparación de maquinaria e vehículos. Ademais, fináncianse os gastos de traslado, aloxamento e mantemento da poboación evacuada ou do persoal, tanto propio como dos efectivos do operativo de extinción, que o concello tivese que asumir.