miércoles, 5 de noviembre de 2025

O Parlamento de Galicia solicita ao PSOE que retire as emendas presentadas no Congreso ao proxecto de Lei de transferencia da AP-9 porque desvirtúa o acordo unánime aprobado na Cámara Galega


Onte o Parlamento de Galicia acordou a proposta do Grupo Popular, solicitar ao Grupo Socialista no Congreso que retire as emendas presentadas no Congreso á proposición de lei de transferencia á Comunidade galega da titularidade e competencias da AP-9 porque desvirtúan esta iniciativa lexislativa aprobada por unanimidade na Cámara galega. Así mesmo, pídese ao Goberno central que elabore e faga público un estudo que avalíe o custe do rescate desta autoestrada, da implantación da súa gratuidade e de aplicar as bonificacións vixentes ata o final da concesión.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, criticou “o boicot do Goberno de Pedro Sánchez e dos seus socios a Galicia á tramitación da transferencia a Galicia da titularidade e as competencias da autoestrada que nos vertebra social e economicamente, acordada por unanimidade neste Parlamento galego e tomada en consideración hai xa 500 días”.

INSULTO E TRAIZÓN A GALICIA

“Se os socialistas lle furtaron a Galicia o debate desta proposición de lei coas 60 prórrogas ao trámite de emendas no Congreso, agora o que se lle pretende furtar é a súa vontade lexítima e unanimemente expresada a través da primeira institución que representa o pobo galego: o seu Parlamento”, afirmou Roberto Rodríguez, quen criticou que “as emendas presentadas polo PSOE opoñéndose á transferencia da titularidade da AP-9 non son só un castigo, son tamén un insulto e unha traizón a Galicia dos socialistas”.

Respecto da postura adoptada polos socialistas galegos, sinalou que con estas emendas “quedaron espidos ante os galegos e só lles queda elixir entre quedarse coas mentiras de Sánchez do pasado ou abrazar as mentiras de Sánchez do futuro, pero en calquera caso Galicia xa ten acreditado que son uns mentireiros”. “Mentiron e menten sempre, en todo o momento, e así o certificou o propio ministro Puente a semana pasada cando asegurou que non vai haber transferencia da AP-9 a Galicia; non vai haber rescate, salvo que o diga un xuíz; e non vai haber gratuidade, senón peaxes menos gravosos”, lamentou. Pola contra, lembrou que “no resto do Estado rescate e gratuidade de 8 autoestradas e en Galicia só peaxes menos gravosos”.

Roberto Rodríguez concretou que a través desta iniciativa do Parlamento galego reclamamos “a transferencia a Galicia da titularidade e as competencias sobre o réxime xurídico da concesión, así como as funcións e os servizos ata o de agora exercidos pola Administración xeral do Estado nos termos acordados unanimemente nesta Cámara, e para iso é imprescindible que o Goberno de Pedro Sánchez retire as emendas presentadas á lei de transferencia”.

INDEMNIZACIÓN QUE MEDRA DÍA A DÍA

“E tamén instamos ao Goberno a que xustifique por que o rescate non é unha opción”, dixo o portavoz popular, quen apuntou que “o rescate si é unha opción e o baseamos no informe elaborado pola Xunta e remitido hai meses ao Goberno central no que se estimaba o custo medio do mesmo en 2.356 millóns de euros, cantidade equivalente ao gasto público destinado ás bonificacións ata a fin da concesión, unha cifra que segue medrando día tras día”.

Para rematar, Roberto Rodríguez manifestou que “o Goberno de Pedro Sánchez non pode desbotar sen máis a oportunidade de, tralo ditame da Unión Europea, rescatar a AP-9 sen sequera avaliala para prorrogar a situación actual, que tan só beneficia á concesionaria que ano tras ano aumenta os seus ingresos mentres os galegos pagamos máis ca nunca polos peaxes máis caros de España e de Europa”.

 Texto aprobado polo Pleno do Parlamento de Galicia:

"O Parlamento de Galicia acorda como resolución, ratificar o seu apoio ao contido íntegro da proposición de lei orgánica de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia da titularidade e competencias da autopista do Atlántico, aprobada por unanimidade nesta Cámara e reivindicación plenamente vixente e con tal fin solicita á Xunta de Galicia que se dirixa aos grupos políticos nas Cortes Xerais a retirada das emendas rexistradas por desvirtuar o texto orixinal que reflexa o sentir maioritario do pobo galego.

Asemade, o Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a adoptar cantas medidas sexan necesarias para facer respectar este acordo e garantir unha AP-9 plenamente galega, cunha xestión pegada ao territorio e libre de cargas, así como tamén a demandar do Goberno de España que elabore e faga público un estudo que avalíe, como mínimo, os seguintes aspectos: o custe do rescate da AP-9, de implantación da súa gratuidade e de aplicar as bonificacións vixentes ata final da concesión e facilite, en cumprimento co principio de transparencia, os cálculos nos que se basea."