A Xunta de Galicia difundiu esta Declaración Institucional con ocasión do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres:
"A violencia de xénero
constitúe unha das violacións de dereitos humanos máis persistentes e
devastadoras do noso tempo. Afecta a mulleres e nenas polo simple feito de
selo, vulnerando a súa liberdade, integridade e dignidade. É un problema
estrutural que se manifesta en todas as sociedades e en todos os ámbitos da
vida. Impregnando todas as esferas da nosa sociedade.
Por iso, desde a
Xunta de Galicia reafirmamos un ano máis o noso compromiso firme e sostido para
previr, detectar e erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres,
impulsando políticas transversais que alcancen os ámbitos onde as persoas conviven,
comparten, aprenden, traballan e se desenvolven.
A eliminación da
violencia esixe unha resposta integral, firme e coordinada. Supón educar na
igualdade, ofrecer protección e acompañamento ás vítimas, e, sobre todo, actuar
preventivamente para que ningunha forma de violencia atope espazo na nosa
sociedade.
Desde o Goberno
galego traballamos para desmontar a falsa idea de que esta loita se
circunscribe ao ámbito privado ou asistencial. A violencia non ten límites,
convive entre nós e está en todos os ámbitos, públicos e privados. E, polo
tanto, a súa prevención debe abranguer toda a vida social.
Nesta liña,
redobramos os nosos esforzos, e reforzamos tamén o compromiso para que Galicia
sexa un territorio que diga NON ao machismo que perpetúa a violencia de
xénero, que diga NON en todos os espazos e a cada unha das formas nas que se
pode presentar esta violencia.
Este ano a nosa
acción consolidouse en torno a tres eixos: prevención e detección, atención
integral e independencia económica das mulleres vítimas. Deste xeito, no ámbito
educativo, seguimos apostando pola sensibilización temperá nos centros
escolares e universitarios, lugares clave para transmitir valores de respecto,
corresponsabilidade e liberdade. A cultura, o deporte e o lecer tamén son
espazos de socialización onde consolidar valores igualitarios e facémolo a
través de colaboracións con federacións e asociacións culturais e deportivas.
No ámbito sanitario e
asistencial, ampliamos a rede de atención cos centros de crise 24 horas, xa
operativos nas principais áreas sanitarias, que dan acompañamento psicolóxico,
xurídico e social a vítimas de violencia sexual. Así mesmo, reforzamos a rede
de 84 Centros de Información á Muller (CIM), que son a porta de entrada máis
próxima e humana para moitas mulleres que deciden iniciar un novo camiño.
Este 2025 damos un
paso máis alá e ampliamos o foco cara o ámbito laboral, convencidos de que os
centros de traballo son, para as persoas adultas, o que os centros educativos
son para a mocidade: espazos onde convivimos, nos relacionamos e reproducimos ou
mudamos valores sociais.
Con esta premisa,
impulsamos ferramentas para promover entre os traballadores e traballadoras un
maior coñecemento desta violencia, axudando a identificala e previla, así como
dándolle información para poder informar e axudar a erradicala.
Neste obxectivo
debemos involucrarnos todos, xa que a erradicación da violencia só será posible
coa implicación total da sociedade galega. Non chega con condenar as agresións:
é necesario identificar desigualdades, desmontar estereotipos e fomentar relacións
de respecto e igualdade.
Temos claro que cada
vez que calamos ante un comentario machista ou reenviamos mensaxes sexistas, o
machismo gaña espazo na nosa sociedade. Desde o Goberno galego cremos
firmemente que a loita contra a violencia de xénero é asunto de todas e todos
nós, porque só a través da unión, da cooperación e da acción se combate a
violencia contra as mulleres.
Por iso, a Xunta
seguirá traballando para consolidar unha sociedade libre de violencia:
ampliando recursos, reforzando a coordinación interinstitucional, formando
profesionais e sensibilizando á cidadanía.
Como cada 25 de
novembro, lembramos a todas as vítimas e reafirmamos o noso compromiso con
elas. Sabemos que o camiño é longo, pero tamén que o esforzo conxunto está a
transformar Galicia nunha terra máis igualitaria, máis xusta e máis libre.
Unha comunidade onde
ningunha muller teña que vivir con medo polo simple feito de selo. Unha
comunidade onde a igualdade sexa o principio que guíe a nosa convivencia. Un
piar de futuro polo que apostamos e seguiremos apostando".
