miércoles, 30 de julio de 2025

Rueda destaca en Carballeda de Valdeorras o modelo gallego de minería sostible como exemplo de desenvolvemento con futuro


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a mina A Fraguiña, no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, onde puxo en valor o papel estratéxico que desempeña o sector mineiro en Galicia como motor de crecemento económico, xerador de emprego de calidade e exemplo de aproveitamento sustentable dos recursos naturais.

Así, acompañado por responsables do sector e autoridades locais, o titular do Executivo galego sinalou que esta explotación representa o modelo de desenvolvemento que defende a Xunta, “sostible, respectuosa co medio ambiente, con futuro e ben planificada”.

Rueda destacou a importancia desta zona, que conta cunha longa tradición mineira e está a piques de converterse no primeiro Concello Mineiro de Galicia; un recoñecemento que, segundo subliñou, evidencia a súa achega histórica e presente ao conxunto do país, e é un exemplo de que a “Galicia Calidade tamén existe na minaría”. Ademais, o presidente salientou que a minaría é un “motor económico” para a nosa comunidade. Galicia concentra o 9,5% da produción mineira nacional e lidera o ámbito da pedra natural, cunha presenza destacada nas explotacións de lousa ornamental en España, factores que consolidan a súa posición como referente europeo neste eido.

O titular do Goberno galego remarcou o compromiso da Xunta cunha minaría do século XXI que combine rendemento económico, responsabilidade social e protección ambiental, e que ademais axuda a fixar poboación no rural. Neste contexto enmárcase a Lei de Recursos Naturais, xa en vigor, e coa que se pretende garantir que a riqueza derivada da produción eólica, hidráulica ou xeolóxica reverta directamente no territorio e na calidade de vida da cidadanía.

A mina A Fraguiña está aliñada cos obxectivos da Axenda de Impulso da Minería Sostible 2030, e recentemente púxose en marcha a primeira convocatoria en 13 anos de concursos de dereitos mineiros para a investigación, cun total de 51 concursos, dez deles na provincia de Ourense.

O xefe do Executivo autonómico tamén avanzou que a Xunta convocará en breve a primeira reunión do Consello da Minaría de Galicia, unha nova ferramenta institucional para reforzar o diálogo e a colaboración co sector.