sábado, 26 de julio de 2025

EPA II Trimestre 2025: A taxa de paro diminúe 0,5 puntos e sitúase no 8,3%. É o nivel de desemprego máis baixo en Galicia desde o terceiro trimestre do ano 2008

 


Esta semana coñecemos a Enquisa de poboación activa correspondente ao segundo trimestre de 2025

Principais resultados

  • No segundo trimestre de 2025, a poboación ocupada en Galicia crece en 15.400 persoas respecto ao trimestre anterior e sitúase en 1.165.500 persoas.
  • O emprego aumentou en 29.900 persoas nos últimos 12 meses.
  • Neste trimestre contabilízanse 106.100 persoas paradas, 4.900 menos que no trimestre anterior e 13.700 menos que hai un ano.
  • A taxa de paro sitúase este trimestre no 8,3%, o que supón a taxa de paro máis baixa en Galicia desde o terceiro trimestre do ano 2008.
  • A taxa de actividade aumenta un 0,3% este trimestre ata acadar o 53,3%.

 Poboación activa

No segundo trimestre de 2025 a poboación galega de 16 ou máis anos acada a cifra de 2.385.000 persoas, das que 1.271.600 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,3%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas aumenta en 10.500 persoas e a taxa de actividade crece 0,3 puntos.

 Poboación ocupada

A poboación ocupada aumenta en 15.400 persoas no segundo trimestre de 2025 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.165.500 persoas. A taxa de ocupación tamén sobe con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 48,9%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 29.900 persoas, o que supón un incremento do 2,6% en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre obsérvase un incremento superior no emprego feminino que no masculino. Asi, a ocupación masculina aumenta en 3.600 persoas respecto ao primeiro trimestre, mentres que a ocupación das mulleres rexista un incremento de 11.800 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nu aumento da taxa de ocupación masculina de 0,2 puntos e do 0,9 puntos da taxa feminina.

Con respecto ao segundo trimestre do ano 2024, de novo son as mulleres as responsables do incremento da ocupación, contabilizándose 30.800ocupadas máis que hai un ano, o que supón un crecemento do 5,7%. No mesmo período. o número de homes ocupados diminúe en 900 persoas (un -0,2%).

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre aumenta no sector primario, na industria e nos servizos e diminúe na construcción. No sector primario o crecemento da poboación ocupada cífrase en 1.200 traballadores e traballadoras máis que hai tres meses, na industria en 800 e no sector servizos en 13.500.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2024, a ocupación diminúe no sector primario (7,1%) e na construcción (4,9%), mentres que aumenta na industria e no sector servizos (9,5% e 2,8%, respectivamente).

Poboación asalariada

En Galicia contabilízanse 959.300 persoas asalariadas no segundo trimestre de 2025, 823.900 con contrato indefinido e os 135.500 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 12.600 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal aumenta en 6.700 efectivos (o que supón, en termos relativos, un crecemento do 5,2% con respecto ao primeiro trimestre). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumenta un 5,2%, e as persoas con contrato temporal diminúen, pola contra, un 3,2%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 14,1%.

Poboación parada

No segundo trimestre de 2025 en Galicia hai 106.100 persoas en paro, 4.900 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminúe 0,5 puntos e sitúase no 8,3%. Esta taxa de paro supón o nivel de desemprego máis baixo en Galicia desde o terceiro trimestre do ano 2008.

Con respecto ao segundo trimestre do ano 2024, o número de parados e paradas diminúe en 13.700 persoas (un 11,4%) e a taxa de paro, a súa vez, baixa 1,2 puntos en termos interanuais.

 Fogares

No segundo trimestre de 2025, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 5.400 unidades e sitúase en 37.000 fogares. Respecto ao segundo trimestre de 2024, esta tipoloxía de fogares baixa un 14,5%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 8.100 unidades. O número de fogares nesta situación é de 674.700. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 17.100 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 2,6% en termos relativos.

Poboación xuvenil

Dos 339.700 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 136.500 (o 40,2%) están ocupados/as, 28.800 (o 8,5%) parados/as e os 174.400 (o 51,3%) restantes son inactivos/as.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 40,2% no segundo trimestre de 2025. Con respecto ao trimestre anterior aumenta 1,9 puntos e con respecto ao mesmo trimestre do ano 2024 aumenta 1,7 puntos.

A taxa de paro xuvenil sitúase no 17,4% neste trimestre, cunha diminución de 0,9 puntos respecto ao trimestre anterior e de 3,4 puntos respecto do segundo trimestre de 2024.

Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa